O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, urxe ao BNG que poña en marcha medidas na área de lecer Illa do Refuxio, un enclave natural situado no río Tambre e que une a parroquia compostelá de Barciela co Concello veciño de Oroso, co fin de que a veciñanza poda desfrutala o que resta de verán.
Despois dunha visita con veciños e veciñas a este enclave natural, o edil popular, xunto co seu compañeiro José Ramón de la Fuente, lamentaron o estado de “total abandono e falta de limpeza” dunha privilexiada zona de Compostela onde, como lembrou De la Fuente, “nestes meses do ano tanta xente acude e se atopa cun escenario impropio da capital de Galicia”.
Villa aproveitou para facer unha comparativa “in situ”, resaltando que “aquí se pode apreciar quen cumpre e quen non, posto que o Concello de Oroso, gobernado polo Partido Popular, ten todo limpo, rozado e o mobiliario en perfecto estado, en cambio, os nacionalistas santiagueses parece que se esqueceron deste espazo”.
Os populares destacaron que, no momento de máis uso desta illa, se poden ver árbores caídas; falta de papeleiras e colectores de lixo cheos, sen recoller; e falta de roza, así como o deterioro nos merendeiros; todo isto é proba do pouco interese que ten o BNG en poñer en valor o rural santiagués.
“O BNG foi advertido na primavera pero, ao igual que co resto de asuntos, fixo caso omiso, o que denota unha falta de respecto á veciñanza” indicou Villa.
Na mesma liña, José Ramón de la Fuente asegurou que Santiago non é unha cidade que conte con moitos lugares como este e é “unha verdadeira mágoa que non se tivese posto a punto antes do verán, para poder promocionalo e que os veciños puideran gozar da natureza e auga do Tambre”.