O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propón que Santiago pase a formar parte da rede de “cidades amigas” da infancia que promover UNICEF. Para elo, explica, “habería que poñer en marcha actuacións municipais que atendan á poboación infantil e xuvenil compostelá dun xeito responsable e efectivo”.
Para acadar isto, é necesario a posta en marcha dun Plan Municipal de Infancia e Adolescencia, é dicir, un conxunto de accións que busquen defender e promocionar os dereitos da infancia e adolescencia; garantir a súa participación; e prestar apoio ás familias, con especial fincapé nas que se atopen en situación de dificultade social. A súa elaboración ten que contar coa participación e corresponsabilidade da rapazada e coa colaboración das entidades do tecido social que traballan a favor deles.
Verea aclara que esta actuación debe promover o seu benestar, desenvolvendo os seus dereitos, a súa autonomía persoal e a súa integridade. “Falamos dun instrumento de planificación das accións e iniciativas do goberno municipal para desenvolver cos e para os nenos e adolescentes, no que destaquen, sobre todo, a protección, a prevención e a participación”, explicou.
O popular remarcou que “o Santiago do futuro precisa dunha xuventude preparada e consciente dos seus dereitos e obrigas, polo que a voz das nenas e nenas e dos adolescentes ten que ser oída no ámbito público municipal e as súas inquedanzas e opinións deben ser tidas en conta, tanto na avaliación das actuacións realizadas, como na programación futura”.
“Dende o PP, cremos na importancia do desenvolvemento de programas municipais para a sensibilización con respecto ao bo trato na infancia e adolescencia, así como a coordinación entre os distintos axentes que están en contacto con eles, para acadar unha detección precoz de situacións de desprotección, vulnerabilidade ou risco, ámbito no que a intervención preventiva comunitaria é fundamental”.
Por outra parte, o líder popular lembrou que “nós xa demandamos a creación dun Consello municipal da infancia, que reflectirá o compromiso do Concello coa Convención dos Dereitos do Neno de 1989, ao tempo que responderá ao chamamento internacional da Axenda 2030 ao esforzo por brindarlles un entorno propicio para a plena realización dos seus dereitos e capacidades”.
O Concello, como goberno máis próximo á cidadanía, ten a responsabilidade de deseñar unha cidade baixo a mirada da infancia e a adolescencia, de poñelos no centro da acción política, de asegurar e mellorar as súas condicións de vida, de respectar, promover, defender e facer valer os seus dereitos, fixando obxectivos e accións que fagan posible o pleno desenvolvemento das súas capacidades.
Así mesmo, debería potenciar o seu crecemento nun medio saudable, que incremente e reforce o seu benestar e calidade de vida, poñendo en valor os seus dereitos, a súa vulnerabilidade e a súa diversidade e que evite calquera situación de marxinación e exclusión social.
Consello Municipal da Infancia
Así mesmo, Borja Verea considera imprescindible tamén que se garanta a presenza e participación dos veciños e veciñas máis xoves da capital de Galicia na vida municipal, polo que insta a que o Concello cre o Consello Municipal da Infancia.
A finalidade deste Consello será a de facilitar a participación da veciñanza máis nova nas decisións a tomar polo goberno municipal, contribuíndo á expresión e ao coñecemento directo das súas inquedanzas, intereses e necesidades, ao tempo que permitiría o acceso e intercambio de información dirixida ás entidades do tecido asociativo, especialmente, configuradas para a defensa dos intereses concretos dos rapaces e facilitará a coordinación entre os diferentes axentes implicados no seu benestar.
Para o líder popular, “os rapaces poden mudar e influír na súa contorna, polo que hai garantir o seu dereito á participación, posto que é fundamental que as súas inquedanzas, opinións, necesidades e dereitos formen parten da política municipal, cunha xestión que o garanta”.
“Debemos comprometernos coa infancia, incidiu o popular, coidar dos máis pequenos de Compostela, co fin de mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida, ademais de fomentar a súa participación”.
Por elo, Verea aposta pola creación dun “órgano de representación, consulta e participación do Goberno municipal para asuntos que afecten á poboación infantil, é dicir, un espazo activo que avalíe, suxira e propoña ideas sobre materias que afecten a cuestións individuais e colectivas da poboación infantil, para acadar obxectivos comúns.
Cabe sinalar que a participación infantil está baseada na Convención sobre os Dereitos da Infancia, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, na que se destaca a consideración dos nenos e nenas como suxeitos de dereitos e o establecemento dun marco de interrelación coa poboación adulta, as institucións e a sociedade, ao tempo que se recoñece o seu dereito a expresar a súa opinión en todos os asuntos que lles afecten e a que sexan tidos en conta.