A concelleira do Partido Popular, Nerea Barcia, vén de reclamarlle ao BNG que leve a cabo, de xeito urxente, a limpeza e roza do monte Pedroso e a súa contorna, ante a alta posibilidade de que se produza algún lume ou accidente de trafico, como consecuencia da falta de execución de traballos de eliminación da maleza existente.

“Só cunha pequena visita a esta emblemática zona de Santiago, pódese ver como as xestas e herbas inundan a estrada, situación que resulta vergonzosa, sobre todo, tendo en conta a altura de ano na que estamos”, subliñou a edil popular.

O actual estado do monte Pedroso fai que sexa un verdadeiro perigo, xa que só faría falta unha pequena chispa producida por calquera elemento, para que toda a maleza que invade o monte, prenda e provoque un lume, como ten ocorrido noutras ocasións.

Así mesmo, explicou Nerea Barcia, “esta situación supón un importante perigo para vehículos, peóns e ciclistas, xa que a altura e densidade da maleza trae como consecuencia a falta de visibilidade, que impide que os usuarios desta estrada, que sube cara a cima do monte, se poidan ver entre eles”.

Ante esta situación queda claro que os nacionalistas non acaban de entender de que esta zona da capital de Galicia é un lugar que precisa “prestarlle unha atención permanente”, remarcou a popular.

Desde o Partido Popular de Santiago, levamos meses pedíndolle ao BNG que leve a cabo os traballos de roza que precisan as zonas verdes de Compostela, ademais da limpeza adecuada de parque e xardíns, “posto que Compostela non pode soportar unha imaxe de deterioro semellante, nin continuar nestas condicións, tendo en conta, como xa dixemos centos de veces, que estas tarefas xa tiñan que estar totalmente rematadas”.