O concelleiro do Partido Popular de Santiago Adrián Villa, vén de solicitar ao BNG que poña en marcha as medidas necesarias, co fin de velar pola seguridade de peóns e vehículos na rotonda inferior do Restollal, concretamente, a que comunica a propia avenida nos dous sentidos de circulación coas rúas Luís Iglesias e José Antonio Souto Paz.

Segundo explica o edil popular, “levamos comprobados diversos sustos e, máis recentemente, o atropelo a un peón”, ademais remarcou que “os cruces son moi perigosos, pola evidente falta de visibilidade”.

“Ambos cruces de subida e baixada a esta rotonda inferior desde a rúa do Restollal, contan con pasos de peóns xusto á mesma altura que o muro da estrada superior, o que imposibilita a visibilidade e a isto, hai que engadir que, a maiores, coincide coas paradas de autobús, o que provoca que aínda se complique máis o paso por esta zona”, agregou.

Adrián Villa demandou así medidas urxentes, como “pasos elevados ou semáforos que sirvan para reducir a velocidade e que garantan a seguridade dos peóns á hora de cruzar, xa que un día o susto pode ser maior”.

Os semáforos do Ensanche

Neste mesmo senso, o concelleiro popular aproveitou para preguntar aos nacionalistas sobre as decisións adoptadas no Ensanche, xa que, nas rúas Desta zona de Santiago existe unha rede semafórica que, da noite á mañá, foi apagada”.

Para Adrián Villa, esta decisión do BNG está a causar problemas de seguridade nos peóns e vehículos que por alí transitan, o que vén a demostrar que os nacionalistas actúan de xeito autoritario, tomando decisións inxustificadas.