A concelleira do Partido Popular, María Baleato, lamentou hoxe que o BNG siga “inmerso nas súas políticas letais contra a mobilidade do futuro de Compostela”, claro exemplo deste “retroceso e o seu teimudo rexeitamento á importante senda que unirá Santiago, desde a estación Intermodal, co Milladoiro, sobre todo, tendo en conta, que esa negativa dos nacionalistas só está motivada porque se trata dunha iniciativa de Borja Verea”
“Estamos falando duns dos investimentos máis importantes para a capital de Galicia, que beneficia tamén a súa contorna, xa que está supoñer unha inxección de 13 millóns de euros e significa a moderna transformación da forma de trasladarse de composteláns e amenses”, remarcou a edil popular.
Baleato subliñou que para eles esta “liorta baleira” é unha mera cuestión política, porque coñecen sobradamente que falamos dunha infraestrutura necesaria e desexada polos santiagueses e demais usuarios, pero non a queren, reiterou porque se trata dunha idea do líder do Partido Popular de Santiago, simplemente”.
Así mesmo, explica a popular, “para sustentar as súas pobres ideas, minten aos composteláns, posto que o informe de Patrimonio Cultural, sobre o paso desta vía polo barrio de Conxo, é favorable, o contrario do que eles afirman”.
Destacou que esta senda “é o mellor exemplo do que pode conseguir un goberno dirixido por Borja Verea, xa que se desde a oposición acadou que se investisen, para a senda peonil 13 M€, resulta fácil imaxinar o que pode lograr no caso de gobernar”.
María Baleato incidiu en que opoñerse a esta vía “é poñerse de costas a un futuro verde, sostible e alternativo, pero o BNG, cos seus socios, parece querer insistir en decepcionar aos veciños e veciñas de Compostela”.
“O compromiso coa mobilidade alternativa precisa dunha clara vontade das administracións, para actuar de forma coordinada e decidida, polo que non se entenden posturas como a dos nacionalistas, poñer en dúbida a necesaria conectividade que suporá este itinerario continuo, non é coherente, pero claro, o BNG está máis conforme con treitos de carrís bici que non levan, nin chegan a parte algunha”.