O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reiterou hoxe a necesidade de que o Concello conte con iniciativas destinadas a mellorar e facilitar a vida ás persoas de maior idade do Concello, dentro do que denomina: Estratexia fronte á soidade non desexada, onde se conte con medidas que dean solucións a unha das lacras que afecta aos maiores.

Para a eficacia desta estratexia, explica que “é necesaria a elaboración dun censo de persoas maiores que viven soas, para que conten cunha atención e uns recursos acordes a súa especial vulnerabilidade e evitar así posibles situacións de risco”.

Esta relación, respectando a normativa de protección de datos, debe recoller a información máis relevante destes veciños, para poder dispor de datos detallados sobre a súa situación e facilitarlles asesoramento sobre os recursos asistenciais, comunitarios e de saúde, entre outros, garantindo, así, na súa vida diaria, que promova a súa participación social.

Verea reiterou que “este censo pode ser unha ferramenta de apoio para atallar un fenómeno, cada vez máis destacado como son as mortes en soidade, polo que grazas a el pódese evitar que o falecemento destas persoas pase inadvertido durante días ou incluso semanas.

Engadiu que, a maiores, “con esta iniciativa, poríase en marcha un teléfono de atención ao maior, habilitando unha centraliña que actúe como filtro e vía de canalización desta realidade, ademais de buscar remedio, a través dos servizos sociais, para prevela e paliala”.

Vivendas colaborativas

Verea propón tamén, como unha das medidas máis significativas para paliar a soidade imposta para persoas maiores, a creación de vivendas colaborativas, un modelo aplicado nos países nórdicos, que supón a existencia duns inmobles que facilitarían un modelo de vida en comunidade, favorecendo o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas e que conten con servicios asistenciais compartidos.

“Trátase dunha alternativa ao modelo tradicional residencial de persoas maiores, que situaría á capital de Galicia na vangarda de solucións innovadoras en políticas sociais, xa que estas vivendas permiten un estilo de vida que favorece a intimidade, permite o control sobre a propia existencia e profundiza no dereito das persoas a elixir como vivir”, remarcou.

Deste xeito, as persoas maiores poden vivir nas súas propias vivendas, pero con servizos comúns que cubrirían as súas necesidades, polo que os residentes serían partícipes activos do seu proceso de envellecemento e, sobre todo, suavizaría claramente as situación de illamento social que sofren.

Con esta medida, explica o popular, “establécese unha rede de apoio e de seguridade para todas estas persoas que alí vivan, transfórmanse nunha boa combinación entre privacidade e convivencia”

Estratexia para unha Compostela Amigable coas persoas maiores

Na busca de mellorar a calidade de vida das persoas maiores que viven en Compostela, o popular tamén considera necesaria a creación dunha ferramenta que promova a participación activa das persoas maiores, co fin da posta en marcha de iniciativas que acaden a mellora da cidade e, así, conseguir un envellecemento saudable e activo, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas, suxestións. Isto estableceríase a través da Estratexia para unha Compostela Amigable coas persoas maiores, en cumprimento da adhesión do Concello á rede de cidades amigables coas persoas maiores.

Con isto, crearíanse contornas e servizos que promovan e faciliten un envellecemento activo e saudable, contando con factores medioambientais, sociais e económicos que inflúen na saúde e o benestar das persoas maiores.

“Para isto, o Concello debe por en marcha as iniciativas que acaden que as persoas de idade máis avanzada teñan benestar físico, intelectual e emocional, ademais de lograr a súa implicación na creación das contornas que favorezan todo isto, como espazos ao aire libre e edificios; transporte; vivenda; participación social; respecto e inclusión social; participación cívica e emprego; comunicación e información; e servizos comunitarios e de saúde.

As iniciativas sociais son un dos eixes das políticas do PP, xa que, en Compostela, hai numerosas persoas maiores de 65 anos vivindo soas, moitas por propia vontadade e, pero outras, soportando a soidade non desexada. Por isto, o Concello ten a obriga de liderar solucións que transformen Santiago nun exemplo para outras vilas nesta materia.