O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, demándalle ao BNG que leve a cabo os arranxos necesarios no aparcamento municipal, situado a carón do CIMUS, e que se atopa en malas condicións, a pesar, de que só leva cinco meses en funcionamento.
Este estacionamento xa conta con numerosas fochancas e outras deficiencias, o que previsiblemente, fará necesario que, ante a chegada do outono, sexa inaccesible por esta situación, tanto no acceso como no interior.
“As présas, que tanto lle gustan aos nacionalistas, non son boas, remarcou o edil popular, este aparcamento xa arrancou con mal pé e, co paso das semanas, o estado aínda é máis lamentable”.
O concelleiro popular aproveitou para lembrar que, “con toda a veciñanza en contra, os nacionalistas impuxeron a zona ORA no barrio de Santa Marta e, de agasallo, deixaron este estacionamento chapuceiro”.
Os populares, que advertiron, xa na súa apertura no mes de abril, que o acceso e o firme desta instalación non eran adecuados, polo que, ante o deterioro en tan só uns meses, demandan arranxos urxentes, de cara a súa posta a punto no outono, momento no que incrementará, de forma considerable, a súa actividade.
Villa aproveitou para afear ao BNG as decisións tomadas neste barrio, “cun aparcamento sen rotación e unha zona ORA baleira de coches” que, tal e como se ven observando desde a súa posta en marcha “está a xerar grandes prexuízos para a veciñanza e comercios”.