A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, denunciou “a falta de criterio e as mentiras do BNG”, tamén, no relativo das tarefas de desbroce. “Os nacionalistas non teñen nin calendario, nin plan de traballo, tómanlle o pelo aos veciños que, mentres, sofren todo este desleixo do goberno do BNG”, remarcou.
Barcia destacou que “é unha verdadeira casualidade que, cada vez, que nos achegamos ata un punto onde hai un problema, ao día seguinte, os nacionalistas aparecen, é unha vergoña que teña que ser o PP de Santiago o que lles marque a folla de ruta para que fagan algo”.
Desta volta, tocoulle ao Campiño de Guadalupe, lugar que visitou, esta semana, o líder do PP de Santiago, Borja Verea, acompañado de Nerea Barcia, onde puideron comprobar o estado dunha das fincas propiedade municipal e que o BNG non limpaba, a pesar das queixas da veciñanza.
A edil popular explicou que foron numerosas as queixas presentadas no Concello por distintas vías e “a realidade é que nada se tiña feito ata hoxe venres, día 6 de setembro”. “A piques de rematar o verán, subliña Barcia, seguimos nas mesmas, Santiago está a monte e aos nacionalistas lles dá igual, seguen sen facer os traballos de roza ou realizándoos tarde e mal, co grave prexuízo que causa esta situación aos veciños”.
“Onte xoves, a maleza da finca referida invadía parte da estrada por onde circulan os vehículos, nunha vía, xa moi estreita, á que se lle engadía o perigo da notable falta de visibilidade que provocaba o estado no que o BNG mantiña este terreo desde hai tempo”., denunciou a popular.
Nerea Barcia lembra que “dita situación xa fóra denunciada por nós nun Pleno, acadando o compromiso dos nacionalistas que procederían a súa limpeza canto antes, pero houbo que esperar a ter ven entrado o mes de setembro, para que o que non se podía facer fose posible”
“Ata hoxe, despois da nosa visita, explica a popular, todo eran desculpas, que o tractor non entraba na finca, que chovía, etc, etc… Resulta incrible que as reclamacións da veciñanza queden, unha vez máis no fondo do caixón e os habitantes da capital de Galicia teñan que enfrontarse a un goberno que fai oídos xordos as súas peticións”, destacou.