O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, manifestou hoxe a súa preocupación polo “máis que evidente desmantelamento do aeroporto de Santiago”, que a xuízo do populares “está a provocar a falta dunha política turística real por parte do BNG desde a súa chegada”.
“Esta falta de ambición no eido do turismo para a capital de Galicia por parte dos nacionalistas afecta, sobre todo, ás conexións internacionais que, cada mes que pasa, van a menos, perdendo rutas moi necesarias para Compostela”, subliñou o edil popular.
Constenla remarcou que “queda claro para todos que a turismofobia que ten como lema o BNG e a súa falta de políticas turísticas ten nefastas consecuencias, xa que desde o pasado mes de outubro, Santiago e a súa veciñanza está cada vez máis illada”.
Así, insistiu en que temos que estar á altura da capital de Galicia e o BNG non o está, posto que desde que gobernan Santiago, o único que vemos e escoitamos na prensa é a eliminación de prazas na oferta de voos internacionais e reducións nas conexións por avión, así que o que lles queremos dicir, desde o Partido Popular, é que se poñan a traballar e deixen de buscar culpables”, explicou Contenla.
O popular lembrou que “xa no Pleno ordinario do mes de febreiro amosamos a nosa preocupación pola anunciada redución de 40.000 prazas na oferta de voos para a tempada de verán e polas reducións aeroportuarias, que pasaban de 25 a 20, o que afecta ás conexións internacionais e agora chega a tempada de inverno e sufrimos máis recortes sen que o goberno nacionalista reaccione”.
Aínda que, subliñou Constenla, “igual o BNG non reacciona porque este desmantelamento non é senon froito das súas políticas turismofóbicas, así que pode que ata estén contentos con esta nova”.