O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, denunciou a demora na concesión de autorizacións de ocupación de vía pública, para realizar traballos nas fachadas de diferentes comunidades de veciños da cidade.
“Un gran número de comunidades solicitaron durante a primavera estes permisos, co obxectivo de levar a cabo as intervencións durante o verán”, afirmaba o edil. Moitas destas obras, dadas as condicións climatolóxicas dos meses de xullo, agosto e setembro, terían sido feitas de forma áxil, quedando as edificacións preparados para o outono e inverno.
Os populares evidencian, así, o número de queixas recibidas nos últimos meses, tanto de comunidades de veciños, como das empresas que acometerán as obras ou, incluso, asesorías que tramitan este tipo de permisos e licenzas.
Con isto, o popular quixo evidenciar o colapso que o BNG xera a moitas persoas e empresas, “é imposible que se poida estipular un prazo para estas obras, xa que non só depende da comunidade, senón da dispoñibilidade das empresas que acometen estas melloras”.
Segundo Villa, “a situación é desesperante e os tempos de espera para calquera trámite xeran unha gran impotencia, e, evidentemente, nós non culpamos ao persoal, senón ao BNG por non estar enriba deste tipo de solicitudes e buscar solucións para que a tramitación sexa máis simple”.
O edil aproveitou para indicar que “os nacionalistas viven noutro planeta”, en referencia ás declaracións da pasada semana do BNG, nas que aseguraban que o retraso na estabilización dos funcionarios do Pazo de Raxoi “non afecta ao funcionamento do Concello”.
“Os nacionalistas si tiveron cartos e capacidade para contratar asesores e directores de área, algo que supón máis de 2 millóns de euros ao ano en salarios, pero nada mudou nos trámites ordinarios que fai a veciñanza, ao contrario, todo vai máis lento que nunca”, criticou Villa.