O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, denunciou hoxe, en rolda de prensa, a inacción e surrealismo das actuacións do BNG “quen leva, máis dun ano, sen acadar absolutamente ningún avance en educación e, ademais, pretendeu converter nun logro a creación dunha cociña central para os comedores escolares, cando xa temos unha funcionando, que é o modelo que usa a empresa concesionaria na actualidade”.
O popular pregúntase, entón, “cal vai a ser o destino dos 400.000 euros que figuran nos orzamentos deste ano para este fin posto que, polo anunciado polos nacionalistas en termos de servizo, non hai nin unha soa mellora á vista”.
Así mesmo, reitera que os nacionalistas volven a faltar a verdade cando pretenden facerlle crer as familias que non haberá servizo de cátering, “pero ao depender dunhas instalacións centrais o servizo será o mesmo, a comida cociñarase nun punto concreto e repartirase polos centros educativos, como se fai agora e se seguirá facendo no futuro”, agregou.
Rubio asegurou que o BNG parece non ter nin idea de que é o que queren as familias compostelás, cando di que “estas estarían encantadas de pagar máis polos comedores se iso supón mellorar a calidade do servizo, pero a realidade non lle dá a razón aos nacionalistas, o que queren as nais e pais é un servizo de alta calidade, que non lles faga sangrar a carteira, porque, evidentemente, a calidade xa debería ir incluída”.
Así mesmo, a “caótica e confusa política dos nacionalistas” lévalles a buscar exemplos como o de Ames, que lonxe de traer melloras destaca por subas e déficit e, a maiores, de seguir este exemplo, o futuro das monitoras e monitores sería incerto grazas a este goberno, que segue sen dar respostas.
Na súa intervención, Borja Rubio tamén falou do servizo de conserxería e limpeza, que o BNG prometera para o primeiro trimestre de 2024, pero a realidade volve a ser teimuda e este servizo segue sen realizarse, “estamos en setembro e o que temos é, unha vez máis, silencio, todo indica que para os nacionalistas os problemas desaparecen sós, sen actuar”.
O edil popular subliñou que o desleixo segue en asuntos como “a ludoteca “María Miramontes”, que ten o seu contrato caducado, sen nova licitación, e as familias continúan á espera. Por non falar do mantemento dos centros educativos ao que destinaron 186.000 euros este verán, contando os arranxos nos pavillóns deportivos como gasto educativo, mentres que cando estaban na oposición esixían 800.000 € anuais”.
Durante a rolda de prensa, Rubio non puido esquecer un asunto recorrente nestes meses como son os traballos de roza, que tamén afectan aos centros educativos, posto que, a piques de comezar o curso, seguen sen limpar nin desbrozar
Finalmente, o popular subliñou que “o BNG parece ser experto en anuncios sen contido e en facer que pareza que algo cambia, cando na realidade todo segue igual ou peor, pero ao noso xuízo, as familias compostelás merecen moito máis que promesas baleiras e subas de prezos sen xustificación, as nosas crianzas merecen un servizo educativo á altura, sen pretextos”.