O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, defendeu o Camiño de Santiago como “o mellor instrumento para socializar a riqueza do turismo, o produto, neste eido, máis sostible que existe, fronte a maior parte dos destinos, que acaban concentrando a riqueza nas mans duns poucos”.

Na súa intervención no Parlamento de Galicia, Verea remarcou que “a ruta xacobea reparte a riqueza á comunidade local; e, ao mesmo tempo, é a que máis protexe o patrimonio natural e cultural para as xeracións futuras”.

“O Camiño de Santiago, explicou Verea, distribúe todos os beneficios entre miles e miles de familias e pequenos autónomos, ao longo de todo o país, xa que se estende por centos de quilómetros, o que permite a cada vila medrar segundo a súa propia personalidade, dando unha segunda vida a zonas completamente esquecidas”.

Borja Verea destacou que “é a maior vía de peregrinación da cristiandade e temos que blindar esa esencia espiritual, co fin de evitar que se perda pero, ao mesmo tempo e sen estar nas súas orixes, é hoxe o mellor produto de turismo sostible que existe”.

O popular sinalou que ninguén pode negar que esta ruta, única no mundo, “protexe e coida o patrimonio natural, social e cultural; sen esquecer nunca a esencia espiritual e cristiá que o fixo nacer e que é o que o fai insubstituíble, proba disto é que intentaron copialo noutros lugares, pero non funcionou, porque lles falta a esencia de transcendencia”.

Así mesmo, o popular considera que o actual modelo turístico existente en Galicia, que esta levando cabo a Xunta de Galicia, desde hai anos, “é claramente un modelo de éxito constatado polos datos, xa que non só estamos crecendo ano a ano en número de visitantes, senón que, moito máis importante, medramos en valor engadido, posto que, cada visitante que vén á nosa Comunidade deixa máis riqueza no noso país”.

“No pasado ano 2023, acadamos os mellores niveis de rendibilidade hoteleira da historia, cun crecemento interanual do 6%, e do 27% en relación a antes da pandemia”, subliñou.

O BNG QUERE QUE SÓ VIAXEN OS RICOS
O líder popular aproveitou a súa intervenvión no Parlamento para advertir tamén aos socialistas que “non caian na tentación de pasar a perigosa liña da irresponsable turismofobia do BNG”. Xa na mesma sesión plenaria subliñou que “as declaracións e políticas de prohibición do BNG demostran que non están en contra da masificación do turismo, o que realmente non soportan é a socialización do turismo”. “O que en realidade queren os nacionalistas é que só viaxen os ricos, como nos anos 70 e 80, e que as rentas medias e baixan queden na casa”, destacou Verea.