A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de afearlle ao BNG a súa inactividade no eido do voluntariado, xa que “resulta evidente que o ten totalmente esquecido, como o demostra a inexistencia dun Plan estratéxico de Voluntariado; a inactividade da Oficina Municipal de Voluntariado; ou a non concorrencia ás convocatorias anuais de axudas do Corpo Europeo de Solidariedade ou do Programa voluntariado xuvenil”, destacou.
Tal como explicou a edil popular, “nós vimos reclamando, dende hai meses, a elaboración dun Plan estratéxico de Voluntariado e a necesidade da reactivación da Oficina Municipal de Voluntariado, como referente e canle de información permanente coas entidades do tecido asociativo e as persoas interesadas en realizar este tipo de actividades”.
O voluntariado é un activo intanxible para a cidade e de enorme valor social, posto que as entidades e organizacións sociais deste eido fortalecen, diariamente, co seu esforzo e dedicación, un sólido tecido asociativo.
“O desleixo polo voluntariado por parte dos nacionalistas nesta materia é tal que nin se toma a molestia de actualizar os datos de contacto do concello no portal web de entidades galegas de voluntariado”, remarcou.
Na sociedade actual, unha das principais expresións de solidariedade ven dada polas actuacións do voluntariado, é unha expresión de compromiso social, de axuda activa ao ben común, e fai posible a participación cidadá ao tempo que contribúe á mellora da calidade de vida da sociedade.
Por outra banda, Yolanda Otero subliñou tamén a falta de proxectos por parte do BNG no marco do Corpo Europeo de Solidariedade, polo que “consideramos prioritario captar as axudas europeas deste estamento, que permitan ás entidades e veciños de Santiago participar en proxectos solidarios”, para que as persoas voluntarias adquiran experiencias, habilidades e capacidades útiles para o seu desenvolvemento persoal, educativo, social, cultural, cívico e profesional coas que mellorar a súa empregabilidade”.