O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, reclámalle ao BNG que “condene, publicamente, o réxime ditatorial de Nicolás Maduro e axilice a atención social e tramitación de axudas económicas para os venezolanos, tanto para os que viven en Compostela, como os que están por vir, por mor da situación de crise económica e social que está a vivir Venezuela”.
Así mesmo, agregou o popular, “os nacionalistas deberían sumarse aos 1.000 venezolanos e venezolanas veciños de Santiago nas súas reivindicacións pacíficas e que, xunto a eles, reclame o fin da represión e o inicio dun proceso de transición a unha democracia e ao recoñecemento dos resultados electorais do seu país”.
“É de xustiza que o BNG, explicou, adopte unha posición por dúas cuestións fundamentais, porque na actualidade residen en Venezuela máis de 30.000 galegos e porque o colectivo venezolano é o máis numeroso na nosa cidade”, remarcou. Así mesmo, aclarou que “dada a situación política de Venezuela, entre os meses de abril e xuño, chegaron máis de 1.500 persoas a Galicia, polo que, na actualidade, sumados aos máis de 700 que figuran no Censo. hai máis de 1.000 cidadáns venezolanos en Santiago”.
Villa remarcou que “a postura do noso partido, ante o que leva ocorrendo os últimos anos en Venezuela, é clara e, co que ocorreu durante as eleccións celebradas o pasado 28 de xullo, tamén, pero o preocupante é outra das posturas claras, a dos nacionalistas que validan o proceso electoral celebrado en Venezuela e, como consecuencia, a ditadura de Nicolás Maduro”.
“Nós coñecemos a realidade por moitos motivos, pero tamén porque estamos nas rúas da nosa cidade, eses 1.000 veciños venezolanos residen en Compostela nos teñen transmitido o que viviron alí, os motivos polos que tiveron para marchar do seu país e, ademais nos contan o que están vivindo os seus familiares e amigos con bágoas nos ollos”, aclarou.
Un exemplo do desleixo do BNG foi a mobilización do pasado 17 de agosto na praza Roxa, “nós estivemos, subliñou, pero estivemos só os representantes do Partido Popular, ninguén máis, nin socialistas nin nacionalistas e, por suposto, tamén estaremos na praza do Obradoiro, o vindeiro sábado, día 28, nesa gran protesta mundial pola liberdade de Venezuela.
“Os nacionalistas non só se puxeron de costas aos venezolanos e venezolanas de Santiago, senón que, coas súas accións, faltaron á vontade do pobo venezolano que, de forma masiva cun 77% dos votos elixiu a Edmundo González como presidente do seu país, polo que queda claro que o BNG non defende a liberdade democrática, nin a transparencia dun proceso tan importante como o dunhas eleccións libres e transparentes”, agregou o edil popular.