O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, insistiu hoxe na transformación que suporá para a cidade o carril bici e peonil que unirá Milladoiro e Santiago. “É o maior investimento que se está a facer hoxe en Compostela e suporá un antes e un despois na mobilidade da capital de Galicia”. O popular asegurou que non lle sorprenden as críticas do goberno e os seus socios posto que é unha tónica xa habitual, “dicíanme que iso non se ía facer, que era imposible, unha das miñas ocorrencias, e aí está, estase executando”. Nese senso, ironizou, “despois virán a facerse as fotos e quererán todos levar os méritos”.

Verea lembraba hoxe que foi el quen puxo enriba da mesa ese proxecto, do que se levaba falando 20 anos pero que ninguén se atrevera a levar a cabo, defendeuno desde o minuto 1 e insistiu no Parlamento e na Xunta de Galicia para que se puxese en marcha. E precisamente por iso advertiu de que a execución “ten que facerse ben, legalmente, cumprindo a normativa”, e asegurou que as administracións que participan na execución “estarán suxeitas a dita normativa facendo ben as cousas para que, unha vez estea completamente rematada, poidamos desfrutala todos”.

En relación á posibilidade plantexada polo resto de partidos políticos de modificar o traxecto, Verea non dubidou en salientar que “estes novos modelos de mobilidade alternativa funcionan cando hai continuidade, se vas facendo parches xa sabemos o que pasa: o parche de Fontiñas, o parche de Clara Campoamor, o novo parche de Xoan XXIII”. Neste senso, continuou, “este trazado era o único que garantizaba a continuidade e eu espero, estou convencido, de que se vai a facer con todas as garantías”. Ademais destacou a necesidade de rematar o proxecto e non deixalo a medias, “espero que non caigan na tentación de dicir que non se faga, que quede a medias ou mal feito, porque pode ser unha tentación deste goberno, que o PSOE aplaudiría, e que para min sería un gran erro, xa que estes proxectos hai que rematalos completamente, e sempre cumprindo a normativa”.

Verea quixo tamén aclarar que ás veces bótase man da legalidade para xustificar que algo non che gusta, porque a intervención no Banquete de Conxo é moito más blanda, e insistiu en que “a normativa está para cumprirse, a normativa medioambiental está a vista de todos, o que hai que facer é cumplila, outra cousa moi diferente é que poidan dicir ´non nos gustan, aínda cumprindo a normativa non nos gusta que por aquí pase a xente paseando e en bicicleta´; é unha cuestión moi diferente”. Así lembrou que el sempre foi claro, “creo que ten que ter continuidade, creo que ten que pasar por onde ten que pasar, cumprindo a normativa e co menor impacto posible”.

O líder popular rematou afirmando que quen vote por nós, polo Partido Popular de Santiago, vai votar por proxectos transformadores, por proxectos que cambien a cidade: porque este si é un proxecto real e transformador, que segue os modelos de mobilidade Europa máis avanzados”.