O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, denunciou está mañá o “pasotismo absoluto do BNG na xestión do día a día da cidade”, que, nesta ocasión, volveu a afectar á recollida da folla e a limpeza da rede de sumidoiros da cidade, “unha cuestión, engadiu, que non é novidade no calendario de servizos do Concello”.
“Está a rematar setembro e a folla está sen recoller por toda Compostela, polo que calquera veciño pode ver como os sumidoiros están totalmente taponados”, indicaba. O edil denuncia así a falta de previsión dos nacionalistas “un ano máis”, posto que nas mesmas datas do pasado ano producíronse numerosos incidentes en diferentes puntos da cidade que, aínda, están na memoria dos santiagueses.
O pasado sábado, coas primeiras chuvias, houbo que lamentar algún incidente, como o de un vehículo que quedou asolagado na avenida Gonzalo Torrente Ballester; rexistráronse tamén inundacións no Campus Norte, onde os sumidoiros emanaban auga; e tamén se viron afectados distintos puntos do barrio de Fontiñas, concretamente, na rotonda da rúa do Vieiro con Fontes do Sar, onde coches e autobuses víronse na obriga de circular por dirección contraria, para evitar o alto nivel da auga.
Villa criticou aos nacionalistas, sobre todo, por este último punto, un lugar onde o BNG realizou, o pasado mes de novembro, “unha actuación sobre a rede de augas, aproveitando as obras da senda San Caetano-Milladoiro, polo que se pregunta “que chapuza fixeron para que siga a inundarse?”
“Imos advertir aos nacionalistas, unha vez máis, que onte comezou o outono, que a folla cae e que as chuvias vólvense máis habituais”, ironizaba o concelleiro, á vez que indicaba que “xa non é tempo de escusas, porque xa non lle colan a ninguén. “Estamos ante un BNG desbordado como a auga, xa que temos a cidade máis sucia que nunca, cando se está a pagar o contrato máis caro da historia, o que pasa é que os nacionalistas non están enriba da empresa concesionaria para buscar solucións”.