O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou as condicións nas que teñen que afrontar os adestramentos e o partidos os clubs que teñen designado o pavillón do CEIP de Vite, pola deficiente iluminación desta instalación..

Hai oito meses, xa reclamabamos que se dese solución a esta problemática que, ademais de dificultar o traballo a distintos grupos e deportistas, tamén afecta a equipos como o Conxo de Tenis de Mesa, que milita na categoría de Primeira Nacional, polo que o “deplorable estado da instalación” no só é coñecida polos usuarios da capital de Galicia, senón que chega a moitos lugares de España.

“Cando o vindeiro día 28 de setembro comeza a competición oficial, o pavillón segue nas mesmas condicións, a pesar de que para resolver os problemas de iluminación, só é preciso a instalación dunha simple luminaria que permita a disputa dos partidos e adestramentos con normalidade”, destacou o edil popular.

De la Fuente remarca que, xa hai máis dun ano que o citado club reclamáballe ao BNG a solución a este problema e a resposta foi que se estaba tramitando un contrato menor, para a subministración e instalación da luminaria, e que pronto se instalaría; a realidade, novamente, fala por si soa, “van alá máis de doce meses e o pavillón segue sen a iluminación necesaria”.

Insiste en que “se non son quen de xestionar unha simple instalación de luz, que se tramita mediante un contrato menor que o proceso de contratación máis sinxelo e directo, pouco podemos esperar do resto de necesidades que ten o deporte compostelán”.

O concelleiro popular laméntase de que, a pesar das denuncias realizadas, este club en categoría nacional e o resto dos usuarios terán que volver a improvisar cun balde, un pao e un foco as condicións mínimas para levar a cabo o seu traballo.

“Non queremos que esta sexa a imaxe que transmita a capital de Galicia aos deportistas, afeccionados e clubs de outras cidades que nos visitan para a disputa das diferentes competicións, nin tampouco os veciños que pagan os seus impostos, subliñou. Temos un importante e competitivo tecido deportivo na cidade, que necesita apoio institucional e instalacións acordes co seu potencial e, lamentablemente, os nacionalistas non parecen prestarlle a atención que merecen”.

De la Fuente insiste en que “si nun ano non foron capaces de xestionar a instalación dunha simple luminaria, que podemos esperar da solución ás evidentes e graves carencias das instalacións deportivas na cidade; logo virán con fabulosos plans sen orzamento nin concreción de apoios institucionais”.