A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, reclámalle ao BNG que leve a cabo as actuacións necesarias para acondicionar a travesía da Estrada, que se atopa nunha situación moi deficiente, tal como se pode comprobar nada máis ver a zona.

“A veciñanza desta rúa leva anos demandando uns servizos básicos, que na actualidade están nun estado deplorable, por exemplo, remarca a edil popular, o pavimento desta vía, na zona do Restollal, consistente en formigón, foi colocado xa polos propios veciños, e agora atópase, claramente, deteriorado, con numerosas irregularidades e fochancas, o que supón un risco para vehículos e peóns”.

Para terminar de empeorar a situación, hai uns meses, realizáronse obras nas canalizacións da auga e os buratos abertos no vial e nas arquetas quedaron sen asfaltar, polo que, agora, coas chuvias, fixéronse máis profundos, dificultando o tránsito de vehículos. “A veciñanza pregúntase tamén quen se fará cargo dos danos que sufran os coches se hai algunha incidencia ao estar a calzada neste estado”, remarcou a popular.

Otero remarcou que o que máis lle preocupa aos veciños é a total ausencia de iluminación, a pesar de que o treito ao que fan referencia, é dicir, ás últimas vivendas da zona, é unha rúa moi transitada pola súa proximidade ao IES Lamas de Abade, polo que non son poucos os estudantes que acceden ao mesmo por esta vía.

“Esta situación supón un grave perigo, sobre todo, nas primeiras horas da mañá, ao chegar a tarde e á noite nos meses de outono e inverno, posto que a carencia de visibilidade fai desta zona un traxecto inseguro”, insistiu.

Olaya Otero resaltou que “a veciñanza non entende que, pese a pagar impostos como calquera outros veciños ou veciñas de Santiago, non ten acceso a servizos esenciais como os que comentamos, polo que, xa no pasado mes de febreiro, decidiron facer pública esta situación, pero a pesar do compromiso do BNG de colocar dous puntos de luz, de forma urxente, nada se fixo”.

A concelleira popular indicou tamén que “non pode ser que estas reclamacións caian en saco roto, tras pasar máis de medio ano, continúan na mesma situación, por isto, unha vez máis, recordámoslle aos nacionalistas que é a súa responsabilidade coñecer os problemas e necesidades da veciñanza e traballar para aportar solucións que, neste caso, non pasan por macroproxectos, trátase só de estar a disposición dos veciños”.