O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, vén de denunciar “o baixo cumprimento do Plan de contratación aprobado para o 2024 por parte do BNG, que supón que a cidade estea á cola das 7 cidades galegas só por diante de Lugo. Así o concello de Santiago descende un 65% a execución de obra pública no que vai de 2024, que se traduce en tan só 2 millóns de inversión, un investimento que superan 17 concellos galegos como o de Santa Comba ou Curtis que destinaron máis cartos que Santiago. Para Verea “isto supón un claro exemplo do enorme bloqueo que hai na xestión dos nacionalistas, que só saben facer anuncios, pero o de transformalos en feitos atragóaselles”.

O popular destacou que “nós vimos reclamándolle ao BNG, dende o inicio do mandato, unha planificación contractual axeitada, despois de comprobar a mala xestión das contratacións financiadas con fondos Edusi e con fondos MRR”. “Isto unido a que estamos só detrás de Ourense, en canto a concellos con maior Período Medio de Pago (PMP) a provedores no mes de maio, acadando a cifra de 109,78, récord en todo o goberno dos nacionalistas, non nos deixa ser optimistas sobre o futuro da nosa cidade no que queda de mandato do BNG”, continuou.

Con respecto ás obras que se están a realizar só cabe salientar a da Rúa do Pombal, na que, a pesar de ser una actuación esperada, os nacionalistas conseguiron poñer en pé de guerra aos veciños pola falta de diálogo e transparencia. Porque se falamos da rehabilitación integral do Pavillón de Vite e do Complexo deportivo Santa Isabel, en ambas obras pérdese a financiación europea pola mala xestión do goberno nacionalista, o que suporá que no primeiro caso asumamos o custo da obra os veciños e que no segundo caso a actuación non se leve a cabo este ano como estaba previsto. Para Verea, “a capital de Galicia non merece un goberno como o que ten, o BNG está demostrando unha deixadez de funcións absoluta e non hai máis que saír a rúa para comprobalo, rúas máis sucias que nunca, incremento de criminalidade, o peor transporte público da historia da cidade, e ademais sen ser quen de sacar os fondos europeos adiante”.

Pendentes de licitar

Así mesmo, lembrou que quedan pendentes por licitar todas as obras do proxecto “Entre Sar e Sarela”, financiadas con fondos NextGeneration: e actuacións como a reurbanización da rúa Mallou; da rúa Puente la Reina; a rehabilitación de firmes asfálticos en vías urbanas; mellora das condicións de accesibilidade en 14 puntos da cidade; e a reurbanización da rúa García Lorca, que se resolveu en decembro do 2023 e que aínda non se licitou, cando existe a promesa do BNG de facelo cos novos orzamentos.

Por outra banda, o popular asegurou que en relación aos contratos de servizos, a situación non mellora, como exemplifica “un dos casos máis sangrantes da ineficacia da xestión do BNG, o contrato de Concesión de Servizos do Transporte Colectivo Urbano de Viaxeiros que, un ano máis, se demora cos conseguintes prexuízos diarios para a veciñanza”.

Deste xeito e por mor da ineficacia dos nacionalistas aínda quedan pendentes grandes contratos como: o Servizo de xestión e programación do centro Xove de creación cultural; o de xestión de rede de centros socioculturais; o de prestación dos servizos de conserxería e limpeza en varias instalacións deportivas e educación; e o do servizo de mantemento, conservación e mellora dos parques infantís; ademais dos contratos de ámbito dixital da Praza de Abastos e distintos contratos do ámbito municipal, entre eles os do CAU e de telecomunicacións do Concello, e o do concurso de ideas para a praza de Galicia e eixo de comunicación central.

Tampouco están licitados os contratos de subministracións de distintos vehículos para o Servizo de extinción de incendios e salvamento do Concello.

Finalmente, Verea concluíu que “a estas altura do ano é evidente que a contratación se lle atragoa aos nacionalistas, incapaces de cumprir co seu propio Plan de Contratos, que pese a ter un carácter estimativo, apenas se licitou un 20% do previsto, o que vai a supor tamén un baixo nivel de execución orzamentaria, xa que aínda que se consiga licitar algún destes contratos vai a ser imposible que se executen neste exercicio económico”.