A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de denunciar o deplorable estado de abandono no que se atopa o viario público que une os núcleos de poboación de Vilas e Lamascal, na compostelá parroquia de San Xoán de Fecha.

A popular remarca que “o firme está completamente levantado, coas pedras soltas e buracos que cada día son máis evidentes e van en aumento, o que provoca un perigo grave para a circulación rodada, algo que, evidentemente, está a empeorar coa chegada da choiva, que arrastra todos os restos espallados e acelera a profundidade das fochancas”.

“A situación que denunciamos é un exemplo máis do desleixo do BNG polo rural, parece que hai que lembrarlles, constantemente, que en Compostela, o rural tamén existe, aínda que para os nacionalistas isto non sexa unha realidade”, reiterou.

A edil popular subliñou que “a nosa cidade non ten veciños de primeira e veciños de segunda, a veciñanza do rural paga os impostos igual que a veciñanza do entorno urbano, pero parece que para o BNG isto non funciona así”.

Otero lamenta que a sinatura do Pacto polo Rural se teña convertido “en papel mollado, como o demostra a falta de actuacións e o esquecemento e abandono no que se atopan as parroquias do rural compostelán”.

A popular insiste en que os nacionalistas procedan, canto antes, ao arranxo dese viario abandonado na parroquia de San Xoán de Fecha, xa que hai que garantir a seguridade, é dicir, o servizo de mantemento da rede do viario público nas parroquias ten que ser eficaz, polo que esiximos as actuacións necesarias de seguimento e mantemento, que eviten situacións de abandono como a que estamos a denunciar e están soportando os veciños”.