A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, despois de reunirse cos veciños e veciñas da urbanización SUP-14 Traspaxonal, reclámalle ao BNG que “adecúe, de xeito inmediato, a finca municipal situada entre as rúas Manuel Ceruelo e Josefa Iglesias Villaverde, xa que se atopa nun estado lamentable, tanto no eido da limpeza como pola inestabilidade do terreo”.
Como diciamos, a popular tamén denuncia que “este lugar non só acumula unha gran cantidade de maleza e sucidade, senón que ademais presenta unha gran cavidade que non conta con protección, polo que xera un grave perigo para os nenos e nenas que xogan nas súas proximidades”.
Otero sinalou que “esta é unha máis das responsabilidades que os nacionalistas deixan de lado”, polo que lle esixe ao BNG que proceda a eliminar este “burato municipal” e, mentres isto non suceda, “coloquen unha protección axeitada, co fin de evitar situacións de risco”.
Por outra banda, a popular destacou que aos residentes desta zona da capital de Galicia tamén lles preocupan os problemas que ocasionan os numerosos vehículos mal estacionados e a circulación dalgún deles, por espazos peonís, situación que “non poucas veces ocorre e, ademais, aparecen estacionados nas beirarrúas e nas prazas que hai entre os edificios”.
“É frecuente ver as marcas das rodas dos coches que circulan e aparcan mal, unha circunstancia que xa ten producido varias situacións de perigo que, polo momento, quedaron en sustos sen chegar a ocasionar danos”, explicou.
Olaya Otero destacou que “os veciños xa o advertiron tamén no concello, posto que de manterse esta problemática acabará ocorrendo un percance, xa que as prazas están concibidas para o tránsito de peóns e como espazos de ocio para os residentes da urbanización e non para a circulación ou estacionamento de todo tipo de vehículos”.
Como destacou a edil popular, “o acceso dos coches a este espazo evitaríase, dun xeito sinxelo, só habería que colocar sinais que prohiban o tránsito e bolardos nos espazos abertos para impedir a entrada e paso de vehículos”.
Finalmente, Olaya Otero subliñou que “este é un exemplo máis da ineficacia e falta de interese constante dos nacionalistas polos problemas do día a día da veciñanza, por sinxelos e pouco custosos que sexan”.