A concelleira do Partido Popular de Santiago, Rosario Ferreiro, volveu a manifestar a súa preocupación “pola máis que posible perda de novos fondos europeos, a causa da deficiente xestión que está a levar a cabo o BNG no Concello de Santiago”.
O 21 de xullo de 2023, a Fundación Biodiversidade concedeulle a Compostela unha subvención de máis de 3 millóns de euros, para levar a cabo o proxecto “Entre Sar e Sarela”, no que colabora a Universidade de Santiago, e que ten como obxectivo que se executen accións para a renaturalización e resiliencia de cidades.
“A realidade, explicou a edil popular, é que os nacionalistas tardaron cinco meses, en levar á Xunta de Goberno Local a proposta de aprobación de dita subvención, un programa que, entre as súas actuacións, tiña a do “Servizo de redacción de proxecto e da dirección facultativa de Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia; a restauración fluvial do río Corgo e a mellora ecolóxica das áreas verdes contiguas”, que se declarou deserto na XGL do día 29 de xullo”.
Ferreiro destacou que o BNG aínda se demorou dous meses máis en licitar de novo este servizo, fíxoo hai 11 días, polo que “é evidente que a obra corre o perigo de non estar rematada no prazo establecido, xa que, por diante, só hai catro meses para a redacción e cinco para a obra, previa licitación da mesma, polo que se temos en conta os prazos dos procedementos de contratación, os tempos van a estar moi axuntados”.
A popular subliñou que “todas as accións teñen que estar rematadas o 31 de decembro de 2025, para que Europa pague toda a subvención e, ata agora, a falta dun ano, só se asinou o contrato para o servizo de redacción do proxecto e a DF do Barrio Verde de Pontepedriña, e, aínda se ten que licitar a obra”.
Cabe lembrar que este proxecto ten máis actuacións como; a restauración ambiental e creación do “Laboratorio Vivo urbano Agroecolóxico”, no Xardín Botánico; a recualificación e recuperación ambiental da área verde do Barrio de Cornes; e a mellora da biodiversidade e conservación ecolóxica do Monte do Viso.
Todas as accións do proxecto “Entre Sar e Sarela” son dunha entidade importante e deberán ser tramitadas mediante procedementos de contratación, polo que se precisa que o BNG adoite medidas axeitadas, para axilizar a súa tramitación e, así, non perder os fondos europeos NextGeneration, como xa aconteceu coas obras de rehabilitación dos pavillóns de Vite e de Santa Isabel”.