Durante os meses de verán, o BNG tomou a decisión de mudar a localización de numerosos colectores de lixo nas parroquias do rural compostelán. O concelleiro popular, Adrián Villa, denunciou que, “con nocturnidade e aleivosía e ás costas da veciñanza”, en pleno mes de agosto, os colectores apareceron noutros puntos.

O edil popular, que se reuniu coa veciñanza de Casal (Laraño), un dos núcleos afectados, evidenciou “a forma ditatorial de goberno dos nacionalistas”, xa que este é, un máis, dos moitos exemplos “da falta de diálogo e consenso cos veciños de Santiago”. No caso desa zona, Villa puntualizou que, a idea inicial, era evitar un vertedoiro ilegal de voluminosos polo que “a solución non é mover colectores, senón realizar tarefas de vixilancia e sancionar”.

“Os colectores cambiáronse en contra da vontade da veciñanza, porque todos preferían a localización de sempre cos diferentes colectores de reciclaxe e non ter que desprazarse a diferentes puntos, para atopar o colector correspondente”, agregou.

O concelleiro popular denunciou tamén que “dous dos colectores se ubicasen a carón da marquesiña de autobús, o que impide o estacionamento do mesmo e, a maiores, obstaculiza o tráfico nunha curva, o que pon en grave perigo a peóns e vehículos nesa confluencia”.

Villa ironizou indicando que, tras a primeira “sorpresa”, agora parece que os colectores “teñen vida propia”, xa que, posteriormente, sucedéronse diferentes modificacións do emprazamento, unha vez máis sen diálogo nin consenso, “o que supón unha nova falta de respecto para os que pagan o servizo de limpeza, que é a veciñanza de Laraño”, engadiu.

O popular reclamoulle ao BNG que, tal e como se reclamou por escrito, os colectores volvan a súa localización inicial e, no caso de que haxa vertidos de voluminosos, se instalen carteis advertindo das posibles sancións; e se realice vixilancia, co fin de impedir e multar os actos incívicos.

Por último, Villa indicou que este non foi o único caso do que os populares tiveron coñecemento, senón que estes cambios de colectores tiveron lugar en máis parroquias, algo “inxustificado e sen coñecemento por parte dos afectados”.