O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, reclamoulle hoxe ao BNG que tomen, de xeito inmediato, medidas co fin de evitar o elevado número de atropelos que se están a producir na nosa cidade nos últimos meses. “Os nacionalistas deben de deixar de mirar cara outro lado e traballar no Plan de seguridade viaria prometido, cunha dotación económica realista, que dea solución estes graves problemas, subliñou.
“No mes de abril, coñecíamos unha serie de cifras por un informe da Policía Local, moi preocupantes, sobre o número de atropelos a peóns nos últimos anos. Entre os anos 2019 e 2023, producíronse en Santiago 194 atropelos, 135 deles en pasos regrados, é dicir, o 70%, unha cantidade que debería facernos reflexionar sobre a seguridade nestes cruces”, indicou.
O edil popular explicou que “ante tal realidade, os nacionalistas incluíron nos orzamentos do 2024, unha partida para elaborar un Plan de Seguridade Viaria, pero, como noutros casos, a día de hoxe, nada sabemos do que se ten feito e do que se vai a facer; e a situación segue empeorando, mentres dito Plan segue metido nun caixón”.
“Desde o PP de Santiago estamos moi preocupados, aclarou, non podemos pasar por alto o elevado número de atropelos, xa non só polos datos indicados anteriormente, senón porque a evolución do presente 2024 non é alentadora, desde o mes de agosto, producíronse nove atropelos, as cifras son claras, 9 semanas, 9 atropelos, un accidente por semana e, sobre todo, teñen lugar en rúas do Ensanche”.
Este problema sucede, sobre todo, no Ensanche: Xeneral Pardiñas, República Arxentina, A Rosa, Santiago de Chile ou Frei Rosendo Salvado, pero noutras partes da cidade o escenario non é moi diferente xa que se contabilizan casos en lugares como a avenida da Liberdade, Monte dos Postes, Poza de Bar, rúa de María Miramontes ou Ponte de Sar, “todo isto subliña o total pasotismo do BNG, posto que non tivo ningún tipo de reacción, nin tampouco puxo en marcha ningunha acción para paliar estes accidentes”, concretou Villa.
O popular reitera que se está a xogar coa seguridade dos composteláns, concretamente, cos que o fan ben e empregan uns pasos de cebra, que a todas luces non son seguros por moitos motivos, como: a falta de luminosidade en toda a cidade, algo que xa demandamos en numerosas ocasións; o non uso de pinturas antiescorregante, o que provoca esvaramentos de persoas, coches, motos, bicicletas e autobuses; e a falta de avisos luminosos de diferentes tipos
Na súa intervención, Adrián Villa volveu a preguntar aos nacionalistas por que os semáforos do Ensanche seguen apagados, cal é o criterio para ter uns encendidos e outros non ou por que non se reforza a seguridade neses puntos con outros elementos.
Finalmente, o popular resalta que a folla de ruta do BNG é o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PEMUS), que analiza e presenta datos sobre a seguridade viaria, pero só contempla cifras ata o 2021, o que nos dá a razón porque indica que:
- A capital de Galicia tiña, para o 2021, un valor de 1,8 vítimas por cada 1.000 habitantes, o que nos sitúa como a 3ª cidade de Galicia.
- Os valores máis elevados son precisamente nas rúas do núcleo urbano, o que afianza a nosa postura de que o Ensanche é o lugar no que se deben tomar medidas urxentes.
- E, por último, a conclusión xeral é que se deben tomar moitas medidas para garantir a seguridade de condutores e, sobre todo, peóns.