A concelleira do Partido Popular, Olaya Otero, denuncia a “completa indefensión á que están sometidos os veciños e veciñas de Compostela, ante un BNG que non é quen nin de xestionar o combustible dos seus propios vehículos, cando o propio contrato contempla a súa prórroga, incluso a prolongación por nove meses, tal e como prevé a Lei de Contratos.

“A prórroga era obrigatoria para o contratista, aínda que non lle fora rendible, só había que notificala con dous meses de antelación e esa era a previsión que se fixo cando se licitou este contrato, unha simple comunicación era suficiente”, remarcou a popular.

Incluso se podía prolongar a prestación do contrato por nove meses, no caso de que circunstancias imprevisibles dificultaran o procedemento de licitación, co único requisito de ter iniciado o procedemento de adxudicación, pero a realidade é que “nin unha cousa, nin a outra: non prorrogaron o contrato en tempo e non iniciaron un novo expediente”.

Otero subliña que, “o BNG non está na xestión da cidade, está absorto na construción e imposición dun ideario propio e excluínte que a veciñanza nin merece, nin votou, ao contrario, hai que lembrar que perdeu as eleccións e goberna en minoría co menor respaldo popular da democracia”.

“A negativa do provedor de combustible a subministrar ao parque móbil do Concello é un exemplo máis, este especialmente grave, da indolente xestión do BNG, xa que afecta a servizos esenciais para os cidadáns e, ademais, é unha vergoña para os traballadores que tiveron que padecer, en primeira persoa, esta rocambolesca situación”.

A popular pregúntase sobre “que tivera pasado se cando os vehículos non podían repostar, os bombeiros recibiran unha chamada por unha emerxencia?; ou que tivera acontecido se isto sucede hai una semana, mentres sufríamos as consecuencias do furacán que arrasou Compostela e provocou múltiples alertas e intervencións, ademais de tombar centos de árbores?”.

“Tamén nos preguntamos, destacou Otero, se houbo que desatender algunha chamada ou intervención da Policía local ou dos bombeiros, mentres os seus vehículo carecían de combustible, o que, repetimos, lles impedía saír de forma inmediata”.

Para a popular resulta incrible que pase desapercibido o remate dun contrato, especialmente, sensible, do que se depende para ter unha correcta prestación da práctica totalidade de servizos públicos: Policía local, bombeiros, Protección Civil, parques e xardíns, vías e obras, medio ambiente, UMAD, e un largo etcétera.

A edil popular destaca que os nacionalistas anuncian agora que están na fase de redacción dun novo prego, polo que seguimos preguntándonos se levan máis de tres meses redactando un novo prego para subministración de combustible.

“Consideramos que a veciñanza precisa unha explicación sobre que cambios está valorando o BNG nese contrato que esixen a redacción duns novos pregos, o que realmente nos tememos, explicou a popular, é que aínda non se fixera nada de nada, e, agora, puxéronse a correr para aparentar a tramitación dun expediente que realmente non existe, polo que é claro que os nacionalistas queren volver a enganar á cidadanía, en lugar de asumir responsabilidades”.

A realidade é que o Concello nunca tivo tantos cartos nas súas contas e son os primeiros moroso da cidade, “temos desbocado o pago medio a provedores, afogamos economicamente a empresas e pequenos autónomos e, agregou, o BNG bótalle a culpa á administración electrónica e aos traballadores municipais; esiximos explicacións e asunción de responsabilidades políticas”, rematou a edil popular.