A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, alerta do lamentable estado que presenta, na actualidade, o aparcadoiro xunto á Casa das Asociacións de Benestar (Cabes) en Salgueiriños, polo que lle demanda ao BNG que proceda ao acondicionamento desta parcela.

Otero subliña que, neste momento, “o lugar está nun estado impracticable e a parcela chea de fochancas, polo que é necesario levar a cabo unha intervención urxente no asfaltado, co fin de garantir a comodidade e a seguridade, tanto das persoas como dos vehículos”.

“Na zona, lembrou a edil popular, hai tanto vivendas como servizos municipais, ademais de atoparse alí a Casa das Asociacións de Benestar Social e a UMAD, polo que a veciñanza e os usuarios deses servizos do Concello deben poder estacionar os seus vehículos e transitar polo aparcadoiro con absoluta garantía, non ter que sortear buratos que, nos días de choiva, se converten en balsas de auga”.

Yolanda Otero insistiu en que “esta situación é un perigo para a integridade física das persoas e unha posibilidade moi grande de que se produzan danos nos vehículos, trátase dunha parcela de titularidade municipal, polo que o mantemento lle corresponde ao Concello”.

A concelleira popular destacou en que “a deixadez dos nacionalistas é moi evidente e Compostela está cada vez máis abandonada e sucia, unha clara consecuencia da mala xestión do BNG”.

Otero subliña que os nacionalistas só saben enganar á veciñanza, con pequenos apaños que non serven para máis cousa que para “facer que fan”, pero a realidade é que nada arranxan.

“Dende o Partido Popular, remarcou, levamos meses denunciando o deficiente mantemento da rede de viarios e aparcadoiros públicos da cidade e do rural, posto que, neste momento, a capital de Galicia está lonxe de ser unha cidade amigable coa veciñanza, que conte con recursos e contornas que garantan o seu benestar, polo que é claro que non existe un compromiso real dos nacionalistas pola mellora da calidade de vida dos composteláns e. moito menos ou nada. lles importa a pésima imaxe da capital de Galicia para os visitantes”.