O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, afirmou hoxe que o PP volve a demostrar quen está traballando, quen está facendo cousas e quen está poñendo ganas e decisión”, en referencia ás vivendas colaborativas e ao cohousing que vai construír a Xunta de Galicia na parcela da Avenida de Xoán XXIII.

“Tanto no noso programa de goberno para Santiago nas pasadas eleccións municipais, como nos últimos meses, con varias iniciativas no Pleno municipal, deixamos claro que había que apostar polas vivendas colaborativas para a xente moza, a terceira idade e, tamén, con modelos interxeracionais”, subliñou o popular.

Verea remarcou que “estamos contentos de ser útiles dende a oposición, de marcar a axenda e de estar sempre por diante deste goberno decepcionante do BNG” e engadiu que toda a veciñanza compostelá coñece que as tres grandes propostas que, hoxe, están en marcha en Compostela son grazas á nosa iniciativa, ao noso empuxe e a nosa enerxía”.

O popular tamén se amosou persoal e especialmente satisfeito “de ter conseguido para todos a senda peonil que unirá Milladoiro con Santiago, cunha inversión de 12 millóns de euros, e que suporá un antes e un despois na mobilidade da cidade. Por outra banda, quixo lembrar as chanzas do BNG, CA e PSOE cando presentou o seu proxecto de aparcadoiro para o Hospital Clínico, tendo que escoitar incluso que esa iniciativa nunca se ía levar a cabo, é que a día de hoxe ata a alcaldesa defende como a mellor solución para a contorna hospitalaria, “un proxecto que puxemos á disposición tanto da Xunta como do Concello porque consideramos que o noso compromiso con Santiago está porriba de cores políticas”, matizou Verea. E agora, destacou, “conseguimos o primeiro edicifico 100% público de vivendas colaborativas a 300 metros da praza do Obradoiro, este é o Santiago de progreso, universal e de futuro que eu defendo fronte ao Santiago acomplexado, pequeno e sen ganas deste decepcionante BNG; traballamos por unha política de vivenda seria que levamos defendendo no Pleno e no noso programa e que se contrapon aos anuncios baleiros dun BNG máis preocupado pola súa axenda radical que polos problemas de toda a veciñanza compostelá”.

O líder popular rematou afirmando que “quen vote por nós, polo Partido Popular de Santiago, vai votar por proxectos transformadores, por proxectos que cambien a cidade, e aquí están estes 3 exemplos”.