O líder do Partido Popular compostelán, Borja Verea, inaugurou onte ” CompArte”, un novo espazo cultural e social do PP de Santiago que contará con concertos, cineclube, tertulias, exposicións, presentacións de libros ou visitas culturais.
Verea quixo destacar que esta nova plataforma ten como obxectivo “participar e sumar con propostas culturais e sociais que xeren debate e sirvan para construír cidade”, e tamén “ser activos e participar das preocupacións e os desexos de toda a cidadanía, queremos estar alerta e escoitar a todo o mundo”.
A inauguración deste espazo comezou coa primeira sesión do Cineclube político onde se visionou o polémico filme “Norman, o home que o conseguía todo” (2016) dirixido por Joseph Cedar e que contou co periodista Moncho Lemos para presentalo e dirixir o posterior coloquio. Unha primeira reunión que, segundo Verea, tivo “moi boa acollida coa presenza de 30 persoas, ás que agardamos se vaian sumando máis en posteriores eventos”.
Neste senso, insistiu en que desde o Partido Popular “sempre tivemos claro que hai que estar na rúa, escoitar á xente, traballar da man dos veciños, colectivos e asociacións, e o que pretendemos con este nova iniciativa CompArte é manternos nesa liña, dando cabida con isto a diferentes maneiras de ver a cidade, que axudarán a enriquecer, sen dúbida, as nosas propostas para mellorar Santiago”.
Todas estas actividades serán gratuitas e abertas a toda a cidadanía.