A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, reclámalle ao BNG que sexa máis dilixente no control do uso das tarxetas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida, xa que se están a rexistrar distintas deficiencias. A edil popular lembra que este documento “é persoal e intransferible, só se pode empregar cando a persoa titular conduza o vehículo ou sexa transportada nel”.
Otero destacou que, nos últimos tempos, “a picaresca parece non ten límites e o uso irregular e fraudulento por parte de condutores con comportamentos insolidarios e irrespectuosos vai en aumento, non entenden a necesidade da existencia destas prazas reservadas e as usan para beneficio persoal, é dicir, sen desprazar no vehículo ao titular da tarxeta e estacionando en zonas habilitadas para este fin”.
“Ante esta situación, dende Partido Popular Santiago, reiteramos a necesidade de intensificar a vixilancia da ocupación lexítima destas prazas polas persoas que teñen a necesidade de empregalas”, subliñou a popular.
Yolanda Otero insiste en que “o uso destas prazas non é un privilexio, existen grazas aos dereitos de igualdade e non discriminación de todas as persoas, fundamentos que rexen en toda sociedade que se denomine avanzada”.
“Para que esta información chegue á cidadanía é de vital importancia que se leven a cabo campañas de concienciación, co fin de avanzar cara unha sociedade xusta e solidaria, pois aceptar a diferencia implica asumir e respectar a cada persoa coas súas capacidades e habilidades”, aclarou.
Otero remarca que “reiteramos, unha vez máis, a necesidade de que o BNG dea resposta ás necesidades especiais da veciñanza de Compostela, promovendo medidas que garantan os seus dereitos como cidadáns, xa que Santiago medra por igual para todos e debe camiñar cara un modelo de cidade inclusiva, con acción e compromiso real e efectivo por parte dos nacionalistas”.