O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, destacou hoxe, que o BNG volve a anunciar un programa de conciliación para o Nadal, que “chega cunha nova suba de prezos e sen melloras nin innovación para as familias de Santiago”. O popular insistiu en que, “dende o PP esixímoslle un cambio de rumbo inmediato e que os nacionalistas cumpran as súas promesas de ofrecer un verdadeiro apoio á conciliación”.

Como explica Rubio, “dende que asumiron o goberno en minoría, os prezos das actividades de conciliación pasaron de 0 a 12 euros por día, o que representa un incremento do 1.200%, afectando seriamente á veciñanza de Compostela, sobre todo, tendo en conta que, a pesar desta suba constante, non hai melloras no programa, posto que carece de programación anual, proxecto pedagóxico e unha proposta que impulse o verdadeiro obxectivo da conciliación”.

O edil popular denunciou a falta de compromiso dos nacionalistas coas familias, “as súas políticas representan unha deixadez absoluta, prometeron unha revolución na conciliación e o que ofrecen é máis custe e unha total ausencia de melloras”.

“As familias de Santiago merecen un programa de conciliación de calidade, que realmente responda ás súas necesidades e non un custo inxusto sen valor engadido algún”, subliñou Rubio.

Borja Rubio remarcou que “esta situación é especialmente preocupante dado que, lonxe de avanzar cara ao prometido programa anual de conciliación, o BNG parece conformarse con ofrecer un servizo básico, sen propostas educativas ou programación que apoie o desenvolvemento dos nenos e nenas”.