O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, denunciou hoxe, en rolda de prensa, o ninguneo do BNG aos ditames legais dos organismos municipais e á veciñanza, despois de que se retirarán as luminarias do Campus Sur, concretamente, na Avenida de Antonio Raimundo Ibáñez e a súa contorna, a pesar de contar cun informe desfavorable da Comisión de Patrimonio, tratándose dunha actuación no ámbito do “Plan especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago”.

O popular preguntouse cal foi o motivo polo que os nacionalistas ignoraron un ditame unánime e desfavorable sobre a substitución deses 130 puntos de luz sobre columnas; e cal foi a causa que lles levou a urxir dito cambio, “nós preguntámonos, remarcou, que mudou nunha normativa que leva en vigor dende o 2015, data dende a que o Concello asume o mantemento de ditas luminarias”.

Constenla pregúntase “se esta actitude supón un cambio de paradigma no referente aos ditames da Comisión do Casco Histórico, xa que parece que, os mesmos, só serán obrigatorios para os veciños, que teñen que cumprir rigorosamente todas as normativas, mentres poden ser ignorados polos nacionalistas cando lles parece”. O edil popular subliña que “debería ser o BNG o primeiro en cumprir coas ordenanzas e non pedirlle á veciñanza que faga o que eles mesmos non fan”.

Explicou, “sorpréndenos que o concelleiro de Obras afirme que non lle consta, con certeza, a catalogación das luminarias retiradas, polo que lle pedimos que o aclaren, posto que en máis de ano e medio tiveron tempo máis que suficiente para averigualo”.

O edil popular destacou que “nos preocupa saber que o BNG non fai nada ante actuacións irrespectuosas e prohibidas no Casco Histórico e na súa contorna, tal e como recoñeceron na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico”, onde afirmaron que as columnas catalogadas, sobre as que se sitúan as luminarias, substituíronse por unhas novas por parte da USC, polo que parece que “é costume dos nacionalistas facer deixación de funcións, tamén, no referente á protección do patrimonio público”.

Constenla insistiu en que “non se sabe se a natureza desta intervención é permanente ou provisional; e, no caso de que non sexa permanente, quen asumirá o custe da súa substitución e cando se acometerá?”. “Todo parece indicar, explica o popular, que o BNG só é rigoroso cando as actuacións as leven a cabo os veciños”.

“A realidade é que a Comisión informou desfavorablemente, por unanimidade e tras un informe técnico municipal que establece que non se poden substituír estes elementos luminosos; e o BNG fixo o que lle deu a gana e levou a cabo unha actuación que afectará notablemente á imaxe histórica deste ámbito protexido que rodea á cidade histórica, polo que debería ser obxecto dun proxecto de intervención para alumeado público que resolvera as graves deficiencias existentes na instalación actual, pero respectando os valores culturais da contorna”, remarcou.