O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, solicitou hoxe en Pleno a reprobación do goberno do BNG e CA polas súas declaracións de apoio aos violentos e o seu ataque á Policía Nacional tras a manifestación en favor de Palestina hai agora un mes.
Verea lamentou que o BNG teña “secuestrada a vontade maioritaria desta cidade”, e amosouse convencido de que os cidadáns “están do lado das familias, traballadores, Policía que nos defende; non como o BNG, que está cos que portan armas, agreden a policías, ou asaltan negocios con familias dentro”. Estamos ante un novo exemplo, engadiu, “desa profunda confusión que teñen os nacionalistas entre gobernar para todos e gobernar só para a súa xente máis radical”. Así calificou de “soberbio e illado” a un goberno que “perdeu as eleccións e que debería traballar con humildade por contar co menor apoio popular da historia de Santiago, pero que pola contra se empeña en defender os posicionamentos máis radicais do BNG”.
“Esta proposición -explicou- o que busca é recuperar a dignidade institucional do Concello de Santiago de Compostela; estou convencido de que a maioría da cidade non está de acordo co apoio aos violentos e aos ataques a Policía Nacional; e iso ten e debe ter o seu reflexo neste órgano, que é a máxima representación do Concello”.
Verea apelou tamén ao compromiso institucional do PSOE agardando que se puxesen do lado das familias, traballadores, negocios composteláns e Policía Nacional, posto que “estou seguro de que moitos socialistas composteláns están horrorizados con esta deriva ideolóxica e esta decadencia de valores deste goberno do BNG”, e sinalou que “non reprobar a este goberno do BNG por esa declaración pública e ataque á Policía Nacional sería deixar unha mancha institucional no concello de Santiago”.
O líder popular lamentou, despois do Pleno, que o BNG e CA se reafirmasen nas súas declaracións, aínda que era de esperar; e cuestionou a posición do PSOE ao non querer posicionarse claramente nin dun lado nin do outro, algo ao que levan meses xogando, facilitando o goberno do BNG pero buscando un oco como oposición. Aínda así, Verea amosouse satisfeito de que saíse adiante a reprobación.