O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou, novamente, o deplorable estado no que se atopan as rúas e estradas de Santiago cheas de fochancas e firmes en mal estado, sobre todo, no rural compostelán sen que o BNG teña feito nada para solucionalo, polo que reclama unha estratexia real de arranxos na maioría de viais e rúas do rural compostelá, e que se poda facer extensible ás vías do resto da cidade.
O popular destaca que “unha mostra clara desta situación é o vial de acceso a Casal da Horta, que leva ao Monte Pedroso, e que se atopa en claras condicións de abandono, polo que resulta necesario que os nacionalistas leven a cabo unha reparación urxente”.
“Non estamos a falar dunha fochanca puntual, senón do estado global da pista que impide, de xeito importante, a normal circulación rodada, unha situación da que foron avisados os nacionalistas, pero todo segue igual, sen que se lle dea unha resposta a estes problemas de seguridade vial”, indicou o popular.
Verea subliñou “os prexuízos e perigos que se poden derivar, tanto para vehículos como para peóns, ademais das reclamacións de responsabilidade patrimonial por danos que se poidan producir nos coches como consecuencia do mal estado dos viais ás que tería que facer fronte o Concello, como consecuencia do mal funcionamento dos servizos públicos municipais que pagamos toda a veciñanza”.
Pero este non é un escenario que se vexa só nesta zona da capital de Galicia, a realidade é que todo isto repítese nas distintas parroquias e barrios de Compostela, “podemos contemplar o mesmo en Brins, onde, nunha pista moi transitada, hai uns baches xigantes que rachan as rodas; en Figueiras, onde os veciño tiveron que debuxar círculos “verde fosforito”, para evitar máis pinchazos e rodas rotas; e tamén é vergoñento estado da rúa Travesa da Ponte de Sar ou as pistas de Marrozos”.
Borja Verea remarca que “esta non é a primeira vez que lle reclamamos aos nacionalistas que traballen, que saian dos seus despachos e se poñan a solucionar os problemas dos veciños”.
“Dende o Partido Popular de Santiago, xa solicitamos, no Pleno do 29 de febreiro, que o BNG leve a cabo un asfalto duradeiro, xa que é moi necesario e os viais composteláns non poden seguir soportando reparacións momentáneas, é dicir, hoxe arranxo e mañá voltamos a ter os baches”, destacou.
O líder popular subliña que “as veciñas e veciños seguen a denunciar estas situacións, a través da liña verde, e ou non reciben resposta ou as explicacións son insuficientes; e xa están cansos dese desleixo no que está asentado o BNG desde hai ano e medio”.