O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, lamenta a falta de interese do BNG para recuperar ou substituír a Campaña Municipal de Animación á Lectura, un programa que, durante 19 anos, foi clave no fomento do amor pola lectura entre a infancia compostelá e na promoción cultural da cidade.
Rubio destaca que, “dende 2020, esta iniciativa foi cancelada por mor da COVID, pero coa chegada dos nacionalistas non se tomou ningunha medida para restablecela, nin para ofrecer unha alternativa á altura do que a capital de Galicia merece”.
O popular insistiu en que “os nacionalistas prefiren ignorar as necesidades culturais da veciñanza, mentres non sexan as súas propias, e perder a oportunidade de apostar por unha Compostela onde se incentive o amor pola lectura”.
“Desde o Partido Popular de Santiago, defenderemos sempre -remarcou- a importancia de iniciativas coma esta, que non só educan, senón que enriquecen a vida cultural da cidade e fomentan o espírito crítico dende as primeiras etapas vitais”.
A Campaña Municipal de Animación á Lectura foi, durante case dúas décadas, un referente en Galicia, ofrecendo contacontos, obradoiros de ilustración e actividades literarias que involucraban tanto aos nenos e nenas como ás súas familias, polo que “tras a súa cancelación, a carencia dunha proposta alternativa evidencia unha falta de planificación e sensibilidade do BNG cara á educación e a cultura infantil”, destacou o edil popular.