A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, propón que se poña en marcha un Plan de conservación, coidado e limpeza de todos os elementos escultóricos que hai repartidos por toda a cidade, xa que existen pezas que non se atopan nun bo estado, polo que se fai necesaria unha análise e que se proceda á súa rehabilitación urxente.

A popular destacou que entre as obras que requiren máis inmediatez atópase o retrato póstumo de Asurbanipal, de Eugenio Granel, que está deteriorado no parque da Música do Auditorio; a escultura de Acisclo Manzano na Barcia; e a de mulleres vítimas de violencia de xénero, no Parque da Constitución, que xa se atopa vandalizada.

A edil popular incidiu en que, a pesar de que os nacionalistas din, na páxina web do Concello, que “están comprometidos na defensa e conservación dos patrimonios materiais e inmateriais, a realidade é que, como noutros moitos asuntos da cidade, nada se está a facer”.

Así mesmo, explicou Baleato, ademais das actuacións que teñen que ser urxentes tamén hai outras que non poden ser esquecidas, polo que “solicitamos ao BNG a elaboración dun plan de conservación, coidado, limpeza e, no seu caso, restauración dos elementos escultóricos, facendo especial atención á Alameda”.

Neste sentido, a popular indicou que, tras o paso da borrasca Kirk por este parque compostelán, rexistráronse numerosos danos que deben ser reparados o máis axiña posible, posto que estamos a falar dun dos espazos máis emblemático da cidade, incorporado, recentemente, ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos.

“A Alameda é testemuña viva de séculos de historia, arquitectura e botánica, polo que consideramos necesaria unha actuación de limpeza dos elementos escultóricos que figuran neste espazo, así como da reparación do seu mobiliario público”, insistiu.