O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclámalle ao BNG que restitúa os colectores e o servizo de recollida de lixo na rúa Costa do Vedor, onde a veciñanza, sobre todo a de idade avanzada, está a sufrir as consecuencias dunha decisión dos nacionalistas “totalmente incoherente, arbitraria e discriminatoria”. Así, estamos ante “o mellor exemplo da pouca empatía deste BNG coa xente”, remarcou,
O popular sinalou que, nesta zona da capital de Galicia, “levan cinco meses sen un servizo que é esencial e ao que teñen dereito todos os cidadáns e polo están pagando uns impostos”.
“Como consecuencia da ocorrencia do BNG de retirar os colectores, os veciños teñen que desprazarse ata 300 metros, por unha costa arriba ou abaixo, que conta cunha das pendentes máis pronunciadas da cidade”, remarcou.
Borja Verea subliñou que “estamos, novamente, ante un exemplo da incapacidade dos nacionalistas, que inventan problemas que afectan moito á poboación dunha rúa na que os seus veciños teñen unha avanzada idade, polo que é aínda máis sangrante, sobre todo, por facelos correr un risco, subindo e baixando esta pronunciada costa para tirar unha bolsa de lixo”.
De feito, engadiu Verea, “hai xente de 70 e 80 anos que non pode retirar o lixo da súa casa, coas graves consecuencias de salubridade que iso supón”, e preguntouse que “a quen se lle ocorre obrigar a estas persoas a levar as bolsas do lixo máis de 300 metros cunha pendente tan pronunciada sen darlle solución ou alternativa”.