O concelleiro do Partido Popular, Borja Rubio, denunciou a total falta de acción do BNG fronte ao caos de mobilidade que afecta, non só á comunidade educativa, senón tamén á veciñanza da contorna de Lamas de Abade onde, cada día, máis de 3.000 estudantes acceden aos centros educativos do Campus non universitario de Compostela, é dicir, os do CIFP Compostela, CEIP Lamas de Abade, EI Raiola, Aspanaes e IES Lamas de Abade.

O popular advertiu que esta situación está a xerar “graves problemas de convivencia e unha grave inseguridade viaria crecente, que pon en risco tanto a estudantes como a peóns e incluso, aos vehículos que transitan pola zona”.

“É inaceptable que un barrio tan transitado, no que cohabitan escolas, centros de formación profesional e numerosas vivendas, manteña os mesmos accesos de hai máis dunha década, o que provoca atascos e incomodidade, ademais de crear un escenario de falta de seguridade continua para quen ten que empregar dita área”, agregou Rubio.

Cabe sinalar, que a única actuación que se levou a cabo no pasado mandato foi o peche ao tráfico da rúa da Chaparra, tras a rotonda do CIFP Compostela, o que non fixo outra cousa que empeorar, aínda máis, a situación, xerando un efecto embude que afecta a toda contorna.

Borja Rubio destacou tamén a inadecuación do transporte público, xa que o último autobús urbano que pasa polo IES Lamas de Abade faino antes de que rematen as clases, obrigando ao alumnado a saír antes ou a desprazarse ata o Restollal para coller o seguinte autobús, o que supón “unha mostra máis de que o BNG ignora as necesidades diarias das persoas que se desprazan á zona, sen ter en conta as demandas de estudantes, familias e veciños que ven afectada a súa calidade de vida”.

Ante esta grave situación, desde o Partido Popular de Santiago, “esixímoslle aos nacionalistas un plan de acción serio e urxente que responda ás necesidades da comunidade educativa e da veciñanza, mellorando o acceso e reforzando a seguridade viaria para peóns e vehículos”, subliñou.

“Non podemos seguir ignorando os riscos de seguridade que isto supón para todos. É hora de que o goberno nacionalista escoite á cidadanía e poña solucións reais enriba da mesa para garantir un entorno seguro e accesible para todos,” conclúe Rubio.