O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, denunciou, en rolda de prensa, a situación de abandono ao que ten sometido o BNG ao deporte en Santiago, polo que resultan “sorprendentes, incomprensibles e inxustas as manifestacións da concelleira de Deportes, nas que se xustifica, ante a alarma creada na cidade, pola falta de instalacións deportivas”.
O popular explicou que “nada bo se podía esperar da política deportiva dos nacionalistas cando, no inicio do mandato, a primeira decisión que tomaron foi a de facer unha transferencia dun crédito de 100.000 euros, reservado para o deporte, á promoción cultural e protocolo, 16 meses despois, confirmamos os peores presaxios, para o BNG o deporte santiagués non é unha prioridade”.
De la Fuente subliñou que “nada do feito ata agora é iniciativa ou resultado da xestión dos nacionalistas e o que existe é un grave problema de mantemento das instalacións existentes, posto que non hai pavillón ou campo na cidade que non precise un mantemento adecuado”, tal como se puido comprobar, a pasada fin de semana, no pavillón Lamas de Abade, onde Hóckey Compostela e Hóckey Raxoi disputaron os seus partidos de competición nacional e tiveron que soportar que tardase unha hora en comezar un dos encontros por falta de iluminación.
Este incidente concluíu coa intervención do concelleiro do Partido Popular e os directivos dos clubs, ademais do público asistente, tras unha hora esperando e coa ameaza de ter que suspender o partido, coas graves consecuencias que tería para o equipo local e coa sorpresa e incredulidade do árbitro e dos equipos contrarios.
“Parece incrible -remarcou o edil popular- que dito pavillón non teña unha liña independente de electricidade que garanta a subministración de enerxía separada do colexio, tal e como leva demandando a propia ANPA”, ademais preguntouse “como é posible que se interveña no verán no pavillón e siga tendo goteiras”.
De la Fuente remarcou que, desde o Partido Popular de Santiago, tamén queremos saber “que pasa no campo de fútbol das Cancelas, cunhas obras iniciadas en plena competición, hai uns días, sen ter en conta a suxerencia dos clubs de facer parte das actuacións en época estival”.
O popular indicou en que “nada disto é culpa de ningún outro organismo; nin dos clubs, nin dos xogadores, nin das súas familias, isto é responsabilidade directa dos nacionalistas, que botan balóns fora e non asumen a súa responsabilidade. Quéixanse doutras administracións por non facerlle as obras que eles mesmos son incapaces de proxectar e executar”.
“A culpa é sempre doutros: aos clubs os acusa de pretender ter máis deportistas dos que permiten as deficientes instalacións da cidade; os deportistas parécenlle demasiados; e ás familias son culpables desta triste situación, porque pretenden que os seus fillos fagan deporte”, insistiu.
Agregou que a concelleira culpa a outras administracións por non facerlle as obras que eles mesmos son incapaces de proxecta ou executar, presumen do orzamento máis alto da historia, máis de 143 millóns de euros , pero a realidade é que con menos orzamento outros concellos si fixeron instalacións”, a realidade é que “o BNG non ten ideas, nin proxecto e son uns profesionais de culpar aos demais e non recoñecer as súas carencias”.
“En xaneiro, -insistiu- denunciamos a evidente falta de ambición dos primeiros orzamentos dos nacionalistas, non aparecían partidas para a construción de novos campos de fútbol, nin pavillóns deportivos, polo que solicitamos a convocatoria do Consello Municipal de Deportes, co fin de canalizar a participación e dar voz aos clubs”.
De la Fuente aclarou que “nós advertimos do profundo malestar entre clubs, entidades e asociacións deportivas, pero o BNG negouse, non era unha prioridade para eles, agora entendemos a negativa dos nacionalistas a convocalo, o que non querían era escoitar aos afectados, por non ter nada positivo que ofrecerlles”.
“A xestión do Departamento de Deportes está xunto a Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD, unha esaxeración. Empeñarse en gobernar Santiago na máis absoluta minoría, ten consecuencias, os concelleiros non poden coas áreas que teñen asignadas, non son capaces de abarcar esa xestión e os servizos municipais se resenten. Os oito concelleiros non poden coa xestión dun Concello como o de Santiago e non deixan de demostralo”, concluíu.