O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, propón que se habiliten puntos de acceso wifi e enchufes de recarga de dispositivos móbiles na cidade, co fin de avanzar cara unha capital de Galicia moderna e conectada. Para elo, explica o popular, “deberase estudar a implementación deste tipo instalacións de conexión nalgunhas das prazas compostelás e zonas do rural, ademais de contemplar a posibilidade de acondicionar zonas de recarga gratuíta en espazos públicos.

Hoxe en día, unha boa parte da cidadanía reclama lugares para o acceso libre e sen custe a internet e, tamén, onde poidan ser recargados os diferentes dispositivos móbiles, polo que se poderían instalar bancos dotados de router wifi e conexións para carga de dispositivos móbiles que funcionan mediante enerxía solar.

Ante isto, o edil popular destacou que “nós consideramos que existe a necesidade, sobre todo, para aquelas persoas que non dispoñen dos recursos económicos suficientes para manter un contrato de subministro no seu domicilio ou que, de maneira transitoria, se atopan en Santiago”.

“Se falamos de persoas sen fogar, este servizo ten especial importancia xa que, a día de hoxe, para acceder aos recursos de servicios sociais, requírese un teléfono de contacto que estea permanentemente encendido e conexión a internet para innumerables consultas”, agregou. Na actualidade, hai espazos de acceso público nos que se poden facer estas operacións, pero tamén é certo que non sempre están dispoñibles.

Por outra banda, José Antonio Constena indicou que “ofrecer zonas wifi e enchufes de maneira gratuíta en varios puntos como nas prazas, o facilitaría a conexión aos que nos visitan e a recuperación destes espazos públicos, reforzando, estas zonas como lugares de encontro”.

Este servizo estaría ubicado en determinado sitios que, polo seu interese ou localización, se consideren adecuados, polo que habería que estudarse cales son as zonas onde isto fose máis necesario, sobre todo, naquelas zonas onde se concentra a poboación máis vulnerable ou en zonas do rural.

Para a selección dos espazos e para que non supoñan custes importantes na súa execución e no seu mantemento debería terse en conta a cercanía a edificios públicos, e áreas públicas susceptibles de ser equipadas con esta tecnoloxía, co fin de reducir a posible complicación técnica e gastos.