A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, considera imprescindible a creación dun aparcamento municipal para vehículos pesados, que conte con vixilancia, área de descanso e servizos de saneamento. “Non é a primeira vez que denunciamos a mais que preocupante situación na que se atopan os polígonos industriais de Santiago, pero pasan os meses e nada mellora”, remarcou a popular.
A edil popular subliñou que “a sensación de abandono que se deriva da falta de coidado por parte dos nacionalistas, trae consigo un problema engadido: o estacionamento incontrolado de vehículo pesados, como camións e plataformas en diferentes rúas dos polígonos, posto que algúns permanecen no mesmo lugar durante semanas ou meses, como se deduce do deteriorado estado que presentan algúns deles”.
“A evidente falta de control sobre o estacionamento destes vehículos -indicou a popular- provoca un impacto negativo na imaxe destes polígonos, o que os fai menos atractivos para posibles inversores, ademais de que os usuarios destas instalacións nos trasladan as dificultades para estacionar, posto que as entradas e saídas dos seus centros de traballo se atopan obstaculizadas por estes vehículos de grande tonelaxe.
Otero destaca que “o máis preocupante e que se están a producir situacións de inseguridade, tanto para as persoas, como para os propietarios dos camións e plataformas, cabe sinalar que hai uns días ardeu un coche estacionado entre dúas destas plataformas abandonas, polo que preocupa o que podería ter pasado si fosen cabezas tractoras, con restos de combustible, e o incendio alcanzase unha dimensión maior”.
Otero subliñou que en todas as áreas industriais do Concello é necesario facer melloras, sen perder de vista que o Polígono Industrial do Tambre tamén necesita diferentes intervencións, pero o estado das instalacións de Costa Vella e A Sionlla son as que máis preocupan.
“O desleixo e falta de interese dos gobernos de esquerdas por constituír a Entidade Urbanística de Conservación, que debería estar levando a o mantemento do Polígono da Sionlla, ten como consecuencia o evidente abandono dos mesmos: falta de iluminación, sinais rotas e tiradas no chan, lixo e maleza acumulado nas rúas”, indicou.
Olaya Otero insistiu en que “preocupados por todo isto e conscientes de que urxe unha intervención para solucionar a problemática descrita, lamentamos que o BNG siga instalado na política de non facer nada, polo que reclamamos medidas para atallar esta situación, polo que propoñemos que se cre un aparcadoiro municipal no que podan estacionar este tipo de vehículos pesados”.
A popular indicou que “desafortunadamente volverémonos a atopar coa falta de capacidade dos nacionalistas para aportar solucións aos problemas que afectan á cidade, xa que o a resposta do concelleiro de Mobilidade limítase a admitir que existe un problema e en escudarse en que non dispoñen de recursos para abordalo”.
Esta actitude, lembrou Otero, é similar á que mostrou anteriormente o concelleiro de Urbanismo, cando foi preguntado polo mantemento do Polígono da Sionlla e a creación da Entidade Urbanística de Conservación, e nos contestou que fixo todo canto podía, explicando que ese “todo”, foron dous correos electrónicos e unha chamada de teléfono.
“Estas dúas respostas ademais de ser claramente preocupantes, evidencian a incapacidade do BNG para respostar ás necesidades da cidadanía compostelá, así como para atraer industria a Santiago e conseguir a diversidade da economía local”.