Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, alertaron hoxe, en rolda de prensa, da posible suspensión das actividades nos centros socioculturais, pola neglixente xestión do BNG.

“Exemplo disto foi o sucedido, o pasado mes, con Serviplus, que atende estes centros e cuxos traballadores cobraron a súa nómina fóra de prazo, que se lles abonou grazas a que fixeron pública a problemática”, explicou. Otero destacou que os nacionalistas recoñeceron que lle debían á empresa concesionaria facturas por un importe 318.000 €, engadindo que “estaban a traballar para abonar a maior parte destas facturas nas próximas semanas”.

A popular preguntouse se é necesario que se produza algo como isto para “poñerse a traballar”, para axilizar o pago a provedores? e como é posible que teña que producirse unha situación desta gravidade para que o BNG se decida apurar o pago das facturas?, se non e posible facelo con dilixencia para evitar esta situación?
ser
“Non estamos ante unha situación illada -destacou-, xa que, hai unhas semanas foi co combustible aos vehículos municipais, cando o provedor veuse obrigado a cortar o subministro ante o impago de 150.000 euros, tamén nesa ocasión, foi necesario facer publica a situación, para que se “axilizase” o pago dos importes pendentes”.

Olaya Otero incidiu en que “resulta, canto menos curioso que o concelleiro responsable dos Centros Socioculturais tamén o sexa deste episodio co combustible e do lamentable estado no que se atopa o transporte público”.

“Segundo nos trasladan os traballadores, no último ano, eles mesmos advertiron en varias ocasións, ao BNG de que a empresa atravesaba por un período de inestabilidade económica, o que supoñía dificultades para dispor do material necesario para facer as actividades, pero, como é evidente, as advertencias, caeron en saco roto e se chegou ao retraso no pago das nóminas”, incidiu.

A popular subliñou que, a maiores, a empresa manifestou a súa intención de rescindir o contrato, por mor da súa delicada situación económica, co que, si ista chegase a materializarse, as 70 persoas traballadoras quedarían nunha situación de desemprego, coa perda de dereitos adquiridos, pero o que é máis grave, provocaría a suspensión inmediata de todas as actividades dos centros, afectando aos veciños do rural e a centos de familias e persoas maiores que teñen nestes locais o seu único momento de relación social.

Olaya Otero remarcou que “moito nos tememos que non sexa este o único servizo municipal que se atope na mesma situación, polo que lle esiximos que ao concelleiro responsable que asuma a súa responsabilidade e actúe, dunha vez por todas, con previsión e compromiso”.

Pola súa banda, De la Fuente subliñou que “a neglixente xestión do BNG coloca aos centros socioculturais nunha situación límite, despois de soportar o que todos coñecen como a etapa negra destas infraestruturas, protagonizada por CA; e agora volve xestionar os centros socioculturais o responsable da peor xestión que se recorda”.

“Esta conflitiva situación laboral -remarcou. é consecuencia da caótica forma de traballar dos nacionalistas, que teñen abocado aos centros socioculturais a unha situación insostible, que se agravará máis cara o Nadal, xa que se van recortar horas de atención ao público, polo que as familias terán que buscar solucións alternativas para os seus fillos”.

O popular remarca que, a maiores, “hai centros que aparecen pechados dun día para outro, sen información previa, cun cartel colgado na porta o mesmo día, descoñecemos por que non cumpren estes centros co seu programa de actividades”.

“No mes de maio, o concelleiro Xan Duro comprometeuse no Pleno a ter presentados os pregos e en marcha a licitación dos catro contratos destes centros, porque o actuais contratos non servían para prestar o servizo adecuadamente, pero estamos rematando novembro e aínda non hai noticias desa licitación”, lembrou.

O edil popular subliñou que, “a pesar desta caótica situación, o pasado luns soubemos que o BNG aprobou desviar máis de 104.500 euros de investimentos dos centros cocioculturais do rural para a posta en marcha da plataforma loxística, exemplo dunha desidia administrativa que pon en perigo os fondos Next Generation”.