O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, considera imprescindible o seu proxecto da senda Santiago-Milladoiro, afirmando que “Santiago ten que ser un referente de modernidade e vangarda, xa que a sociedade de hoxe en día non é a mesma que a de hai 30 anos e, sen dúbida, esta infraestrutura ciclista e peonil suporá unha transformación na mobilidade alternativa, á altura dunha cidade do século XXI”.
Destacou estar cumprindo un dos seus obxectivos que “é ser unha oposición útil e construtiva, estou moi contento e moi orgulloso, de ter conseguindo para Santiago os principais proxectos que hoxe están en marcha, como a senda peonil que unirá Santiago co Milladoiro, un proxecto verde, sostible e de mobilidade alternativa, que porá a nosa cidade á altura das grandes cidades europeas”.
Verea subliñou que “estou conseguindo eu máis dende a oposición, que eles gobernando. Este é o meu modelo de goberno, fronte aos complexos do BNG, proxectos transformadores, ambiciosos de futuro e verdes”.
O líder popular quixo lembrar a reacción das outras forzas políticas cando presentou este proxecto. “Todo eran risas, `isto non se vai facer´, pois xa se está facendo, 12 millóns de euros para executar a principal infraestrutura de mobilidade alternativa da capital de Galicia, que conectará Milladoiro cos principais puntos da cidade”.
“Con toda a contundencia – reivindicou tamén- que estou moi orgulloso de ter conseguido esa senda para a miña cidade, infraestrutura que non quería nin BNG, nin CA, nin PSOE, e que suporá un antes e un despois para Santiago, colocándonos á vangarda en mobilidade. Veremos se dentro duns meses son os primeiros que se sacan as fotos e que nos intentan quitarnos das fotos para poñerse unhas medallas que non son deles.”