O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, asegurou hoxe, en rolda de prensa, o decepcionante que resulta “comprobar como, tras máis de ano e medio de goberno do BNG, as promesas electorais e os compromisos adquiridos con Santiago, en materia de igualdade, quedaron reducidos a medidas puntuais e sen ambición real”.
O edil popular puxo como exemplo da falta de medidas a dinamización do espazo da Casa Xoanha Torres, aprobado en Pleno, hai xa varios meses, e do que non hai avances; a apertura do servizo de asesoramento LGBT, totalmente inexistente neste Concello; e o Consello Municipal de Igualdade, do que nada se sabe.
Destacou, ademais, que “o Centro de Información ás Mulleres (CIM) é un servizo imprescindible na nosa cidade”, polo que se pregunta, “se as políticas do BNG, neste eido, redúcense a ampliar unhas horas a unha das profesionais, estas son as políticas que se levaron a cabo, en ano e medio, para mellorar a atención ás mulleres?”.
“O traballo das súas profesionais é encomiable, pero non podemos ignorar que están a afrontar unha carga excesiva, sen o apoio necesario por parte do BNG”, insistiu.
Para Rubio, “está claro que a Igualdade non se pode xestionar cunha sucesión de accións illadas e improvisadas, hai que establecer unha análise detallada da realidade local, que permita deseñar programas de prevención e sensibilización efectivos e adaptados a Compostela”.
“É alarmante -remarcou-, sen paliativos, que o BNG non teña impulsado un estudo pormenorizado que serva de base para orientar ás súas políticas neste eido, sen datos claros non hai planificación seria, nin resultados reais”, insistiu.
Remarcou tamén que “outro aspecto preocupante é a falta de avaliación do Plan Municipal de Igualdade 2022-2025, un documento que debería ser unha guía viva, sometida a revisión anual, pero seguimos sen ter unha análise profunda, que permita avaliar o impacto e corrixir cousas puntuais para acadar maiores cotas de éxito”.
“Os nacionalistas debería estar xa traballando na preparación do próximo plan de igualdade, algo que, claramente, non se está a facer, o que demostra, unha vez máis, a ausencia de vontade política para tratar este asunto coa prioridade que merece”, indicou.
Desde o Partido Popular de Santiago, propoñemos accións contundentes, como reforzar o CIM de maneira integral, dotándoo do persoal e dos recursos necesarios para garantir unha atención global e humanizada a todas as mulleres que o necesiten, sobre todo, as que chegan con crianzas; e realizar unha análise profunda da situación de igualdade en Santiago, para poder deseñar programas de prevención e sensibilización efectivos, liderados por profesionais. Ademais de revisar e poñer en marcha un equipo, para o novo Plan de Igualdade, garantindo que sexa ambicioso, inclusivo e adaptado á realidade local.
A veciñanza de Compostela está a soportar “un goberno con medios, pero sen ambición -agregou-, polo que non podemos esquecer que falamos dun Concello que conta cos maiores recursos da súa historia, polo que non hai xustificación posible para a falta de avances. Teñen os medios, pero demostran unha preocupante falta de vontade política para empregalos de maneira efectiva”.
“Esta total falta de previsión e iniciativa demostra, unha vez máis, a incapacidade do BNG para mellorar os servizos esenciais deste Concello, algo que caracteriza aos nacionalistas en case todos os asuntos que afecta á capital de Galicia”, rematou.