O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar, de novo, a falta de planificación do BNG á hora de programar as obras na cidade, nesta ocasión, referiuse á renovación da infraestrutura de iluminación do campo de fútbol municipal de As Cancelas.
Neste momento, o campo de fútbol atópase inoperativo para o adestramento, por mor dunhas actuacións que “se deberon planificar para o verán, momento no que hai menos actividade e, ademais, a empresa pode desenvolver os traballos con máis rapidez, xa que se dispoñen máis horas de luz”, destacou.
“Cae de caixón -remarcou- que nos meses de xuño, xullo e agosto, se poden facer mellor este tipo de intervencións e se prexudica menos aos clubs e deportistas, xa que case non hai actividade; pero os nacionalistas están a outras cousas, porque senón non se explica que volvera a caer nos mesmos erros do pasado ano, cando se tivo que pechar o campo para reparar defectos detectados na instalación do céspede”.
Nesta ocasión, explicou o edil popular “o BNG volveu a iniciar o procedemento e a executar as obras sen planificación, nin previsión e sen escoitar as necesidades das entidades deportivas, unha actitude que xa parece unha costume”.
Así, os clubs que adestraban en Cancelas tiveron que ser repartidos por outros campos, sobresaturando o resto de instalacións, xa de por si sobrecargadas de deportistas; moitos foron derivados ao campo de fútbol de Conxo, onde máis de 250 nenas e nenos teñen que adestrar no campo de herba natural, nun mesmo espazo, e nunha infraestrutura que non conta con iluminación, polo que a partir de media tarde adestran a escuras.
De la Fuente remarcou que “as carencias e necesidades dunha mellor iluminación no campo de fútbol das Cancelas son coñecidas e reivindicadas polos clubs desde hai tempo, polo que os nacionalistas puideron poñerse a traballar nese proxecto nada máis chegar ao Concello pero, ata xaneiro deste mesmo ano, non encargaron a redacción do mesmo”.
Cabe sinalar, remarca o popular, que “as obras teñen un prazo de execución de seis semanas, xa que se houberan sido dilixentes na súa planificación e tramitación, poderían terse executado, sen problema, no verán, polo que ao inicio da tempada estarían rematadas e non se terían provocado desprazamentos a outros campos, nin inconvenientes a clubs, xogadores, adestradores e familias”.