O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, visitou, con amigos e simpatizantes do Partido Popular de Santiago, a XXVII edición das Edades del Hombre, este ano baixo o título “Hospitalitas. La gracia del encuentro”.

Esta iniciativa está enmarcada dentro do novo espazo cultural dos populares “CompArte”, que presentaron hai agora un mes e no que anunciaban ciclos de cine, coloquios, exposicións ou visitas culturais. Para a inauguración escolleron unha sesión de cineclube político co visionado do  polémico filme “Norman, o home que o conseguía todo”, que contou cun coloquio dirixido polo xornalista Moncho Lemos.

Nesta ocasión, sairon da súa sede de San Pedro de Mezonzo para achegarse ata a Catedral de Santiago e San Martín Pinario e desfrutar dunha visita que “reflicte á perfección o espírito co que naceu Compostela: a hospitalidade”, sinalou Verea, que quixo facer fincapé en que “non debemos alonxarnos deses valores que levan miles de anos construíndo a nosa cidade”.

O líder popular lembrou que construir cidade é precisamente un dos seus obxectivos, e que “iniciativas como este novo espazo cultural Comparte pretenden fomentar a participación e sumar propostas culturais e sociais que xeren debate; queremos estar alerta e escoitar a todo o mundo”.

Verea quixo avanzar novos contidos de CompArte e destacou que, co gallo do día da Constitución, o vindeiro 4 de decembro levarase a cabo un Coloquio-Mesa Redonda no que participarán Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC, e Raquel Marañón Gómez, letrada en Cortes e profesora de Dereito Constitucional na Universidade de Comillas, con Ignacio Balboa como moderador.

Así, o líder popular animou a todo o que teña inquedanzas ou interese nun tema como a Constitución a que se achegue o mércores 4 de decembro ás 20:00h ata a sede do Partido Popular de Santiago en Rúa San Pedro de Mezonzo 37.

Neste senso, insistiu en que “sempre tivemos claro que hai que estar na rúa, escoitar á xente, traballar da man dos veciños, colectivos e asociacións, e o que pretendemos con este nova iniciativa é manternos nesa liña, dando cabida con isto a diferentes maneiras de ver a cidade, que axudarán a enriquecer, sen dúbida, as nosas propostas para mellorar Santiago”.

Por motivos de aforo é necesario confirmar asistencia no seguinte correo pp@popularesdesantiago.gal ou enviando un Whatsapp ao 604 05 27 71.