A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de propoñer a posta en marcha dunha estratexia municipal específica e integral sobre prevención de drogas e outras adicións comportamentais, como resposta á actual realidade social e á importancia de adaptarse aos cambios, de dar resposta ás novas necesidades asociadas ás adicións, un dos principais problemas da sociedade.
Otero reclamou, para Santiago, “un conxunto de actuacións que se leven a cabo nos vindeiros anos en materia de prevención e atención ás adicións, que axuden a diminuír a incidencia do consumo de sustancias con potencial aditivo e as adicións comportamentais; atrasar a idade de inicio; e minimizar os riscos e os danos asociados a dito consumo, así como mellorar a seguridade cidadá, é dicir, medidas que axuden ás persoas a construír o seu proxecto de vida en positivo”.
A popular subliñou que “Santiago non é alleo a este fenómeno, polo que vemos necesaria unha estratexia con vocación de cidade, é dicir, que recolla e articule o conxunto de actuacións que se desenvolverán nos próximos anos, para a prevención de adicións e asistencia ás persoas con patoloxías relacionadas coas mesmas”.
“Este programa funcionaría -indicou- baixo a mirada da transversalidade, dende as distintas areas municipais e dende as entidades do tecido asociativo que configuran a resposta a esta problemática social”.
Insistiu en que “precisamos dunha folla de ruta con liñas estratéxicas enmarcadas na prevención comunitaria, familiar e no ámbito educativo, a atención integral de adolescentes e mocidade e de persoas adultas, que afronte de forma específica, non xenérica, esta problemática social de grande complexidade e afecta as persoas de forma individual e as súas familias e contorna social”.
Yolanda Otero subliñou que “se precisa dar resposta ás necesidades actuais da veciñanza e minimizar os riscos asociados ás adicións; e promover unha conciencia social nos cidadáns, sobre a complexidade e relevancia desta problemática e os custos relacionados coas adicións e a posibilidade real de evitalas”.
Dende o Partido Popular, queremos unha cidade avanzada, moderna, na vangarda social, e para iso o concello debe traballar polo benestar da veciñanza.
A edil popular explicou que cabe sinalar que, “nos últimos anos, as adicións experimentaron cambios moi substanciais, xa que mudou o perfil do consumidor, con persoas cada vez máis mozas e coa constante incorporación de novas sustancias, por exemplo, sustancias legais pero aditivas como o alcol ou o tabaco, ou ilegais onde a cocaína e o cannabis son protagonistas”.
“Non podemos esquecer tampouco que, na era das novas tecnoloxías destacan as adicións sen sustancias, como o enganche ás TIC, as redes sociais e ao xogo patolóxico, destacando tamén o abuso dos videoxogos ou a pornografía”, remarcou.