A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, pediulle hoxe, en rolda de prensa, ao goberno do BNG responsabilidades pola perda de dous millóns de euros dos Fondos Next Generation, destinados a melloras na praza de Abastos. A popular pregúntase que “é o que están facendo os nacionalistas cos recursos e os cartos dos veciños e veciñas de Santiago?”.
“Cando pasaron máis de 15 meses dende a súa chegada ao Concello, aínda non teñen feito nada pola cidade, por iso preguntámonos tamén cando teñen pensado comezar a preocuparse polos problemas de Santiago e poñerse a traballar nas solucións?, xa que, nesta ocasión, a súa inoperancia custoulle aos composteláns 2 millóns de euros”, indicou.
“No Pleno de novembro, propuxemos a creación dun calendario de traballo -subliñou- para que se puxesen en marcha medidas concretas para a dinamización e revitalización da praza de Abastos e, deste xeito, traballar con prazos e obxectivos concretos, posto que o mercado leva moito tempo sumido nun declive que urxe atallar, se queremos evitar a desaparición dun espazo tan importante para a economía e a identidade da cidade”.
“Ese día, explicou a popular, os nacionalistas xa coñecían que tiñan perdidos os cartos do proxecto Commarket Santiago, pese a isto, non dixeron nada e agocháronse detrás de evasivas, actuando, unha vez máis, con irresponsabilidade e total falta de transparencia”.
Para a edil popular, “non hai explicación posible e é moi difícil entender, que no agónico estado no que se atopa a praza de Abastos se permitan perder calquera tipo de axuda para a súa revitalización, xa que coa perda deses millóns, remata tamén a posibilidade de poñer en marcha actuacións como: unha plataforma para a venda en liña; a creación dunha oficina dixital para asesorar a negocios e emprendedores; ou a tan necesaria instalación de wifi”.
Para a edil popular resulta evidente que o BNG ten sumida á veciñanza de Santiago no “oscurantismo e a falta de transparencia”, porque oposición, veciños, praceiros e comerciantes seguen agardando explicacións cribles sobre como é posible deixar ir unha subvención tan importante, ocultando, ademais, dous dias antes de que se fixese público, que se perdía esta axuda”.
Así, remarcou a popular “os nacionalistas deixaron pasar unha gran oportunidade para actuar coa transparencia da que tanto presumen, pero da que, en verdade, carecen, e expoñer, no Pleno, cal era a situación deste proxecto; e agora, só sabemos que, palabras textuais: “non renuncian a executar “algúns” dos proxectos con cargo a “outros fondos”.
As baleiras explicacións do edil nacionalista, “provocáronnos aínda máis dúbidas: de que proxectos falan?; con cargo a que partidas se farán?; os servizos dos centros socioculturais, rural, dos comedores ou deportes…?; cal é a intención, mover cartos dunhas partidas, para tapar a súa torpeza, a súa absoluta incapacidade para xestionar a cidade?”
Olaya Otero subliñou que “a evidente incompetencia do BNG, non só non aporta solucións á cidade, senón que os xera onde non os había e non deixa de sorprender que o goberno do BNG xustifique esta perda dicindo que os prazos de execución eran imposibles, uns prazos que, en setembro do ano pasado, cando anunciaron o programa si eran posibles, a realidade é que non teñen capacidade para xestionar Compostela, moito asesor e moito alto cargo pero non dan feito”.
Explicou que “advertimos ao BNG que asumir a alcaldía de Santiago cunha minoría tan absoluta, como a obtida nas urnas, suporía unha enorme irresponsabilidade, “desafortunadamente, un ano e medio despois, esa irresponsabilidade nacionalista e as súas consecuencias son evidentes e son os composteláns os que a padecen”.
Finalmente, a popular reiteroulle ao BNG que, igual que no seu dia anunciaron a concesión desta subvención, expliquen agora, de xeito claro e sen escusas, a que se debe que se teña perdido e que alternativas valoran.