O Partido Popular de Santiago conseguiu que o voluntariado e o apoio ás entidades sociais ocupen un lugar prioritario na axenda do BNG, ao presentar unha iniciativa no Pleno pasado, despois de que, en ano e medio, os nacionalistas fosen incapaces de poñer en marcha algunha iniciativa neste ámbito. Así, o concelleiro popular, Borja Rubio, reclámalle aos nacionalistas a creación dun programa municipal de voluntariado, destinado a fortalecer a rede solidaria da cidade.

No Día Internacional do Voluntariado, Rubio destacou que “é incomprensible que o BNG, que presume de compromiso social, mire cara a outro lado cando se trata de apoiar o voluntariado, deixando nunha situación de abandono a moitas das entidades e persoas que fan unha labor importantísima en Compostela”.

O edil popular solicitou a posta en marcha de distintas propostas, como a organización de feiras do voluntariado, campañas de sensibilización e a creación dunha plataforma dixital que conecte ás persoas interesadas coas entidades que precisan apoio.

Ademais, propuxo accións de formación específicas para as persoas voluntarias e o acceso a recursos necesarios para fortalecer as iniciativas existentes e evidenciou os retos que afrontan as entidades sociais santiaguesas, como a dificultade para captar novos voluntarios e a falta de recursos institucionais que faciliten o seu labor.

“Lamentamos que os nacionalistas non se sumase a unha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Santiago. “A súa inacción e falta de compromiso non só retrata un proxecto político sen dirección, senón que tamén prexudica directamente ás persoas e asociacións que máis necesitan o apoio institucional”, remarcou Rubio.

Para o edil popular, “é hora de deixar atrás a pasividade dos nacionalistas e de apostar por unha política activa que promova a solidariedade e a cohesión social”. Rubio tamén destacou que esta iniciativa será clave para implicar á mocidade compostelá, especialmente nunha cidade universitaria como Santiago, onde o voluntariado pode ser unha oportunidade para adquirir experiencia e contribuír ao benestar común.

“Dende o Partido Popular, -dixo- cremos na importancia de liderar propostas que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas e o noso obxectivo é que a capital de Galicia se converta nun referente na solidariedade e no apoio mutuo. Non podemos permitir que a falta de iniciativa do BNG siga freando o potencial desta cidade”.

“Esta proposta -subliñou o popular- pretende que o Concello dea un paso crucial para consolidar a Compostela como un modelo de cidade comprometida coa xustiza social, recoñecendo e potenciando o papel fundamental das persoas voluntarias e das entidades sociais”.