A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de propoñer a elaboración dunha Estratexia municipal de discapacidade, que garanta o pleno exercicio dos dereitos das veciñas e veciños con discapacidade en igualdade de condicións que o resto da cidadanía. “Propoñemos -dixo- traballar cara un Santiago inclusivo, onde toda a veciñanza poidan desenvolver o seu proxecto de vida de forma máis autónoma posible e coas mesmas oportunidades”.
“O propósito sería avanzar cara un Santiago amable coa veciñanza, cunha inclusión plena a través de accións nos distintos ámbitos de competencia municipal: o impulso á accesibilidade e a consecución dunha maior coordinación intermunicipal”, remarcou.
Otero indicou que “Compostela non conta cun Consello municipal de discapacidade; a propia casa consistorial non é accesible, nin física nin cognitivamente; os intérpretes de lingua de signos é mínima; a accesibilidade do transporte público na cidade tamén é inexistente; e os edificios e espazos públicos municipais non están sinalizados con pictogramas”.
Así mesmo, engadiu a edil popular, “a documentación e información das actividades, programas e recursos municipais non están editados en lectura fácil; e non hai prazas de estacionamento reservadas a persoas con discapacidade ou mobilidade reducida en todas as rúas, sendo estes só algúns dos exemplos que certifican a necesidade de compromiso e traballo efectivo por parte dos nacionalistas”.
As persoas con discapacidade teñen dereito a que dende os poderes públicos, sobre todo, dende o Concello por ser a administración máis próxima, se leven a cabo accións que lle permitan máis autonomía persoal, alcanzar maiores niveis de accesibilidade e, polo tanto, desenvolver todas as súas capacidades en condicións de igualdade.
“Para o Partido Popular de Santiago, aclarou Otero, debemos promover un modelo de intervención baseado nunha visión dinámica da discapacidade, que se fundamente nos principios dos dereitos humanos e incorpore a visión das persoas con discapacidade en permanente avance cara a súa harmonía, autonomía e autodeterminación, contribuíndo, así, activamente á sociedade, atopando na mesma as oportunidades de desenvolvemento persoal e comunitario en igualdade de condicións”.
“Os nacionalistas, destacou a popular, debe traballar nun instrumento que sexa o marco de actuación municipal, no que se regulen e definan obxectivos, medidas e actuacións, contribuíndo, así, a unha maior visualización e protagonismo social do colectivo das persoas con discapacidade, é dicir, unha estratexia froito da participación das persoas, familiares e entidades e organizacións que viven esta realidade, polo tanto, baseada, en dous piares fundamentais: a participación dos axentes directos e indirectos implicados e o compromiso e implicación municipal”.
Cabe sinalar que o censo de persoas con discapacidade de Galicia, Santiago de Compostela contaba a 31 de decembro de 2023 con 9.946 persoas coa discapacidade recoñecida, referida á discapacidade física, intelectual e sensorial.
Finalmente, Yolanda Otero subliñou que o obxectivo principal deste plan sería “garantir unha cidade inclusiva para toda a cidadanía que suporía un Concello con maior calidade de vida e accesibilidade”.