A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, vén de reclamarlle ao BNG que proceda a levar a cabo melloras na limpeza da zona de Combarro, no barrio de Castiñeiriño, tal e como demandan as veciñas e veciños, ante a indiferenza e falta de comunicación por parte dos nacionalistas.

A popular remarca que, “en varias ocasións, solicitaron a limpeza de rúas e prazas, onde se acumulan follas e ramas de árbores que, por segundo ano, están sen rozar, polo que a vexetación que cae podrece, xerando residuos e a presenza de insectos, ademais de inseguridade para os peóns, ao volver o chan moi esvaradío”.

“Como ocorre en innumerables barrios e parroquias de Compostela, -dixo- a veciñanza pide a limpeza das gabias e a retirada dos restos que se producen cando se levan a cabo, xa que ao non realizarse, os restos impiden a evacuación da auga, polo que se anegan as estradas e, neste caso concreto, nalgunhas das casas do Casal, incluso, entra nas vivendas”.

Destacou a edil popular, “a veciñanza tamén solicita que se coloquen máis contedores, xa que son claramente insuficientes en todas as súas versións: reciclaxe de papel, vidro, restos, etc…”.

Por outra banda, Otero tamén solicita que fagan intervencións para corrixir o lamentable estado no que se atopa o trazado da rúa do Casal do Castiñeiriño, no que, despois de anos sen que se leve a cabo ningún tipo de mantemento, é practicamente imposible transitar.

“A veciñanza di sentirse completamente abandonada e fan fincapé en que, dende o BNG, ninguén escoita as súas demandas, a pesar de que, simplemente, reclaman o acceso, en adecuadas condicións a servizos básicos, e – asegurou a popular-, consideran moi inxusto que pese a cumprir coas súas obrigas, en canto ao pago de impostos, non poidan ter acceso a estes servizos, nas mesmas condicións que veciños e veciñas doutras zonas do municipio”.

Finalmente, Olaya Otero reitera que, “como xa tivemos que facer en moitas ocasións ao longo deste ano e medio de goberno nacionalista, vémonos na obriga de pedirlle ao BNG, que escoite as demandas da veciñanza e traballe para dar resposta as súas necesidades e problemas”.